Burela, 27 de xullo de 2021. O alcalde, Alfredo Llano, agarda que a curva de contaxios por covid comece a baixar a vindeira semana. O rexedor visitou esta mañá o pavillón Vista Alegre, onde o Sergas realizou un cribado entre a mocidade con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. A participación rolda o 50%, segundo Llano, para quen estes datos non son óptimos: “non estamos satisfeitos”.
O alcalde contou: “acabo de vir do pavillón Vista Alegre, que é onde se están facendo os cribados masivos, e había citadas, a través de SMS, 1.140 persoas de entre 18 e 30 anos, das que estaban asistindo só cerca do 50 por cento. Polo tanto vese claramente que non se cumpre o obxectivo, que era ter o máximo posible de probas feitas porque é o que dá confianza e determina a localización dos positivos que son asintomáticos para intentar frear a cadea de contaxios”.
Llano dixo que “agora que en Burela temos unha incidencia duns 150 positivos trátase de controlar e facer as probas necesarias para localizar os asintomáticos que están contaxiando todos os días á xente por aí. Pero creo que o resultado non é óptimo, non podemos estar satisfeitos. É a media do que está ocorrendo en toda A Mariña”.
Para Alfredo Llano “hai que ter en conta que estamos rematando o mes de xullo e polo tanto dentro de poucos días irase moita xente e virá outra. Entón cantas máis persoas contaxiadas se localizaran sería moito mellor, pero polo menos intentámolo e fixemos o que había que facer, que era o cribado masivo, e a participación é de aproximadamente o 50 por cento, segundo me comentou o persoal que está facendo as probas”.
O rexedor burelés engadiu: “seguiremos insistindo para controlar a cadea de contaxios para procurar que isto se vaia freando e a partir da semana que vén a curva empece a descender”.