O proxecto técnico, que consiste en analizar e desenvolver as medidas técnicas para a redución de descartes na pesquería de arrastre de fondo, está coordinado por OPP Lugo coa dirección científica do equipo de investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO) de Vigo, dirixido por Julio Valeiras; autorizado e supervisado pola Subdirección Xeral de Investigación Científica e Reservas Mariñas da Secretaría Xeral de Pesca (MAPA).
Este proxecto sobre tecnoloxía de artes pesqueiras, denominado SELECTLUGO, iniciouse no ano 2020 cun estudio de situación e necesidades en canto a capturas de especies non desexadas, establecendo un plan de traballo no que resulta fundamental o coñecemento dos patróns respecto ao comportamento das artes de pesca e as posibles estratexias para realizar unha pesca máis selectiva evitando os descartes.
Este mes estase levando a cabo unha campaña experimental a bordo con mallas romboidais de 70 e 55 mm, usando sobrecopos especiais de 35 mm que permiten diferenciar as capturas por tamaños e especies.
Armadores, redeiros, investigadores e técnicos de OPP Lugo deseñaron e construíron estas redes que agora se están probando, cun sistema de copos e sobrecopos en diferentes dimensións de malla que permitirán coñecer as propiedades selectivas de cada tamaño de malla para as especies comerciais máis importantes, como pescada, gallos, xurel, lirio, cabala, peixe sapo, etc.
A campaña estase realizando a bordo do buque “Praia de Rueta”, arrastreiro de litoral que xa participara noutros estudios co IEO dirixidos á selectividade e supervivencia, e que, durante 15 días efectivos de pesca, desde o pasado luns 5 ata este venres 23 de xullo, conta con dous observadores científicos embarcados que están supervisando e tomando datos duns 45 lances de pesca.
Os resultados de SELECTLUGO permitirán actualizar a información dispoñible sobre as propiedades selectivas das artes de arrastre utilizadas no caladeiro nacional, de gran necesidade e utilidade para o sector pesqueiro, obtendo os parámetros de selectividade para as principales especies e dispoñendo de información científico-técnica que sirva para actualizar as exencións da Obriga de Desembarque por selectividade e “alta supervivencia” para as raias na área 8c.
Emitirase un informe final que será trasladado á SEGEPESCA. A colaboración entre armadores, administración e investigadores é fundamental para aclarar a situación real das pesquerías e establecer as medidas técnicas máis eficaces e adecuadas para unha sostenibilidade dos recursos e socioeconómica.
Esta acción de programa experimental está incluída no Plan de Produción e Comercialización de OPP LUGO, dentro do obxectivo da redución do impacto medioambiental da pesca, en particular a través de medidas para mellorar a selectividade das artes de pesca.