Site icon Crónica3.com A Mariña

A Merluza de Burela tamén fai o Camiño de Santiago

Burela, 30 de xullo, 2021. Esta fin de semana iníciase a segunda parte da campaña “Orixe & Destino Galicia” da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo e Paradores, que promociona o bonito do norte e a pescada do pincho da lonxa de Burela a través dos restaurantes da rede de Paradores que están ubicados nas diferentes rutas do Camiño de Santiago.

No Parador de Cuenca da comezo a “Ruta Xacobea da Merluza de Burela”, que atravesará a península ibérica do leste ao oeste cumprindo etapas semanalmente nos Paradores de Alcalá de Henares (Camiño de Madrid), Toledo e Ávila (Camiño de Levante), Zamora (Vía da Prata) para chegar ao seu destino final en terras do Finisterrae, no Parador Costa da Morte (Muxía).

O restaurante do Parador de Cuenca ofrece estes días a receita “Pescada do pincho de Burela, mexillóns, crema de allo das Pedroñeras e azafrán de La Mancha”.

Esta acción denomínase “Orixe & Destino Galicia” porque o bonito do norte e a pescada do pincho partiron desde a lonxa de Burela e volven a Galicia seguindo o Camiño de Santiago a través de dez etapas: dous produtos pesqueiros de Burela, sete rutas xacobeas, dez Paradores, seis comunidades autónomomas e a mesma orixe e destino: Galicia.

Esta campaña, que se inclúe no Plan de Produción e Comercialización de OPP Lugo e está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMP, combina a calidade do produto pesqueiro de Burela, coa colaboración de Armadores de Burela, a gastronomía de Paradores e as rutas do Camiño de Santiago.

Exit mobile version