Unha acción publicitaria que se lanza a nivel estatal de novo en Madrid, concretamente no seu transporte público, enchendo as traseiras e laterais das liñas de autobuses urbanos que conectan as principais prazas e mercados de abastos da cidade. E compleméntase con outras accións divulgativas e publicitarias nos mercados tradicionais, así como en medios dixitais en internet.
Desde a Organización de Produtores do Porto de Burela promociónase así o seu produto e deféndese unha forma única de facer as cosas: anzol a anzol, día a día, sol a sol, peza a peza… e “Merluza a merluza”.
Ademais de ensalzar o produto, a campaña pon en valor toda a cadea de produción que hai detrás de cada peza. É a forma de vida de todas as familias que viven do mar en Burela, onde conviven máis de 40 nacionalidades unidas por esta pesca artesanal: “Pescador a pescador”, marea a marea, familia a familia…; facendo que este modo de vivir non se perda e siga formando parte de nós: prato a prato, bocado a bocado.
A pescada de Burela captúrase de forma individual, “unha a unha” como di a campaña. Péscase con anzol, unha arte de pesca sostible e artesanal na que o peixe non sufre ningún dano e a súa carne conserva tódalas súas cualidades, aportando os maiores beneficios para a saúde e o mellor sabor para o noso padal; e respectando o maior nivel de sostibilidade; principios que tamén comparten os novos consumidores, e por iso a pescada de Burela é para eles o produto ideal.
Esta acción conta coa colaboración de Armadores de Burela e está enmarcada no Plan de Produción e Comercialización de OPP Lugo, cofinanciada pola Xunta de Galicia e Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.