A exposición, a través das fotografías de Nacho Samper e Nacho Carballo, testemuña non só a situación das mulleres en Senegal, senón tamén o labor cotián da ONG na súa loita para reducir a mortalidade materna e neonatal frecuente no país.
A ONG Ser madre Ser mujer dedica o seu labor para aumentar a calidade de vida das mulleres e nenas cun enfoque prioritario na prevención e na formación universitaria de persoal sanitario local a través de técnicas innovadoras. Ten por obxectivo, ademais, a educación sexual e reprodutiva das nenas e mulleres, como parte integrante dos seus dereitos, en escolas, maternidades e hospitais.
Máis de 15 maternidades introduciron xa os métodos de traballo da ONG, unhas 2000 mulleres foron atendidas cos seus programas de saúde na rexión de Thiès e Casamance e máis de 100 de matronas serán formadas no vindeiro ano universitario 2021-2022.
Ser madre Ser mujer é a oú nica ONG no mundo que realiza un tratamento integral de todas as disfuncións pélvico-xenitais sexan provocadas por mutilación xenital, complicacións no parto, violación, abuso sexual, ciruxía, ou calquera outra causa, e realiza tanto tratamentos de reeducación uro-xinecolóxica como cirurxía reparadora.
A rehabilitación e acondicionamento de instalacións para o parto e o reforzamento dos sistemas de urxencia en Senegal é, así mesmo, parte esencial do traballo da ONG. Grazas a este traballo e con fondos da ONG rehabilitouse a maternidade de Keur Moussa para atender 50 partos ao mes de mulleres da rexión. Un logro sen igual nunha rexión tan difícil.
A ONG, que continuará o seu traballo en Senegal, iniciou xa a súa extensión a outros países como Togo e Gambia coa contribución da Fundación Jesús Serra (Grupo Catalá Occidente), e moi pronto se lanzará ao mesmo labor en Cabo Verde. En todos estes países as necesidades sanitarias e de formación son inxentes.
A exposición, que puido verse en Madrid, Málaga e Estepona quedou suspendida en Valladolid e Zaragoza por mor da pandemia pero ten prevista a súa itinerancia cara outras localidades non só españolas.
Está dirixida ao público en xeral e quere mostrar desde unha perspectiva de xénero e infantil, a situación da muller en Senegal, as secuelas xinecolóxicas que conleva a precariedade sanitaria, e as secuelas psíquicas e físicas que carrexan prácticas tan aberrantes como a mutilación xenital feminina.
Coa colaboración do Concello de Ribadeo poderán verse na exposición máis de 60 fotografías que queren espertar conciencias e devolver un sopro de esperanza a quen confían nun mundo máis xusto e solidario.
A exposición poderá visitarse no Forte de San Damián, Ribade, desde o día 4 ao 29 de agosto en horario de 12 a 14 h e de 17 a 21 horas.
www.sermadresermujer.org