Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación insta á Xunta a reforzar a Atención Primaria

Lugo, 27 de xullo 2021. A Corporación da Deputación de Lugo acordou este martes no Pleno ordinario de xullo reclamarlle á Xunta de Galicia que elabore un plan de choque para dotar de medios humanos os cadros de persoal do Sergas, medidas de reforzo para a Atención Primaria, na que recortou máis de 1.100 prazas dende que goberna o Partido Popular, a recuperación do sistema de rastrexo da Covid-19 e o mantemento das camas hospitalarias en funcionamento. A proposta, presentada polo Goberno provincial, saíu adiante coa apoio do PSdeG e o BNG, e cos votos en contra do PP.

Con respecto aos cadros de persoal, a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou que “hai que reverter os recortes feitos polos sucesivos gobernos do PP, faltan especialistas e a idade media dos profesionais do sistema fai prever que as xubilacións dos vindeiros anos van agravar as carencias”.

Así mesmo, a Deputada incidiu na situación de sobrecarga de traballo que sofren os centros de saúde da provincia debido á incidencia da pandemia da Covid-19 entre os grupos de idade máis novos da poboación e pide que se recupere o sistema de rastrexo desta enfermidade que se puxo en funcionamento meses anteriores, de tal maneira que “a acción dos rastrexadores contribúa a aliviar ese colapso que se vive na Atención Primaria. Feijóo non foi capaz de prever o que antes do verán indicaban os expertos: o virus buscaría novos brancos como as persoas máis novas, e por iso se están disparando os contaxios nesta parte da poboación”.

A voceira socialista do Goberno explicou que é necesario que o Executivo autonómico manteña todas as camas hospitalarias dispoñibles este verán “porque non é aceptable que nun momento de emerxencia sanitaria como o que vivimos debido á pandemia se pechen recursos pola decisión de non cubrir as vacacións do persoal. As enfermidades non se van de vacacións”.

“Dende a Deputación de Lugo seguiremos loitando en defensa dunha sanidade pública de calidade, dotada dos cadros de persoal e dos medios axeitados que lle permitan aos profesionais sanitarios desenvolver o seu traballo nas mellores condicións”, insistiu a Deputada.

Axudas para os produtores de San Fiz
O Pleno tamén aprobou por unanimidade unha moción presentada polo PSdeG para reclamarlle á Xunta de Galicia un plan de axudas directas para os viticultores e viticultoras afectados polos estragos nas colleitas provocados polas treboadas e o pedrazo do pasado mes de xuño na parroquia de San Fiz, en Chantada.

A voceira socialista do Goberno explicou que se viron afectadas varias parroquias e zonas dos concellos desta comarca, o que supuxo “máis de 70 hectáreas afectadas e 500.000 quilos de uva perdidos, pero hai que ter en conta que tamén haberá perdas nas producións dos vindeiros anos”. “Isto supón unha perda ambiental e económica que afecta ao sustento da economía de moitas familias de xeito directo e a moitas outras de maneira indirecta”, subliñou a Deputada.

Por estas razóns, indicou que “é precisa unha liña de axudas directas semellante á que o Executivo galego puxo en marcha no ano 2016 noutros lugares da provincia onde tamén o mal tempo estragou as colleitas e se viran afectadas un número de hectáreas moi semellante ao deste acontecemento”. Nese momento, habilitáronse 500.000€ para os propietarios, con axudas de ata 15.000€ por propietarios afectados, e a maiores destináronse 100.000€ para amañar os accesos aos viñedos, os muros e outras infraestruturas que se viran danadas.

García Porto subliñou que a día de hoxe a Xunta non contempla axudas para as persoas afectadas, nin para aqueles que non teñan seguros que cubran estes danos. “Instamos a que aprobe un plan de recuperación dos viñedos para minimizar a extensión dos danos e poder recuperar canto antes a produción nas súas plantacións. É oportuno pedir esta axuda este ano porque a Xunta presume de orzamento récord e nos lamentamos que estas axudas non se concedan cando supoñen pouco esforzo orzamentario”.

Exit mobile version