Tomé Roca destacou tamén que “nestes 8 anos de andaina, co bo facer dos organizadores, este festival converteuse nun referente que sitúa á Mariña e á provincia de Lugo nun lugar destacado do panorama nacional e internacional da música e da cultura”.
A Deputación achega 12.000€ para a organización do festival, que se celebrará do 18 ao 26 de agosto nos concellos de Foz, Ribadeo, Burela, Barreiros, Lourenzá, Cervo e Mondoñedo.
“Compartimos plenamente a súa aposta por acercar a música clásica á xente a través de escenarios e lugares de alto interese patrimonial”, subliñou o Presidente, que engadiu que o evento é “unha cita obrigada para músicos internacionais de prestixio, que non dubidan en incluílo como parte das súa axenda anual. É tamén un campus de excelencia, no que os intérpretes máis novos poden aprender de expertos que veñen das mellores orquestras do mundo”.
Así mesmo, o Presidente agradeceu “a labor divulgadora que leva a cabo a Fundación Bal y Gay, coas audicións-coloquio que difunden o coñecemento da música e facilitan o seu desfrute para todo tipo de públicos, ou a celebración de espectáculos infantís e familiares que se levarán a cabo en distintos puntos da Mariña. O Festival Bal y Gay é proba de como a cultura se pode levar a todos e convertela nun vehículo de valores”.
Programación
O 18 de agosto, no Pazo do Conde de Fontao de Foz, o cuarteto Seikilos inaugurará con obras de Turina, Ravel, del Campo y Gómez a edición máis nacional deste festival que mantén o seu concepto orixinal a pesar das restricións provocadas pola pandemia. O 19, na Igrexa de Santiago do concello focense, Cantoría interpretará obras de Monteverdi. As melodías de Beethoven, Chopin, Granados o Listz soarán no auditorio Hernán Naval de Ribadeo o 20 de agosto a cargo de Javier Perianes. El Amor de Brujo de Falla levará a música de cámara ao auditorio de Burela o 21 de agosto da man de Jaume Santonja e María Toledo. A Finca Goleta de Foz será o escenario para desfrutar de Puro Gershwin o 22 de agosto. Obras de Holborne, Bach, Verdi, Puccini, Turina e Bizet soarán en Barreiros e Vilanova de Lourenzá o 22 e 23 de agosto, respectivamente, da man de Hércules Brass. O 24 de agosto, na fábrica de Sargadelos en Cervo, Pablo Sáinz-Villegas achegará os ritmos de Albéniz, Granados, Bal y Gay e Tárrega. Mozart, Saalim e Shostakovich á Basílica de San Martiño de Foz o 25 de agosto gracias ao cuarteto Casals. A Orquestra Sinfónica de Galicia con Dima Slobodeniouk pechará esta oitava edición cun concerto no que interpretarán obras de Bach, Turina e Adams o día 26 de agosto na Catedral de Mondoñedo.
Concertos familiares e obradoiros nos centros de maiores
O programa musical de Bal y Gay tamén contempla tres concertos familiares os días 20, 21 e 22 de agosto en San Cibrao, Ribadeo e Mondoñedo. O ciclo de conferencias Hojas de álbum con invitados de renome da cultura celebrarase en formato online e tamén se levarán a cabo obradoiros de Recuerdos Musicales os días 17, 19 e 21 de agosto nos Centros de Atención a Maiores en Trabada e Ribadeo. Os horarios e programa completo pódese consultar en www.festivalbalygay.com