Site icon Crónica3.com A Mariña

A Concellería de deportes fai un balance moi positivo do Burela Basquet Oro, o stage de perfeccionamento celebrado na vila

Burela, 23 de xullo de 2021. A Concellería de Deportes fai un balance moi positivo do stage de perfeccionamento técnico e táctico para xogadoras de baloncesto denominado Burela Basquet Pro, que tivo lugar estes días na vila. Nas últimas horas celebrouse un acto de recepción na praza do Concello.

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, dixo que “recibimos no Concello a todas as xogadoras que participaron no Burela Basquet Pro, un stage de perfeccionamento técnico e táctico de baloncesto feminino que decidiu facer aquí o Ensino de Lugo. Tivemos a sorte de contar coas mellores xogadoras galegas dos anos 2004, 2005 e 2006 que estiveron dirixidas por Miguel Ángel Ortega, que é un técnico moi recoñecido no baloncesto feminino. Contamos tamén con xogadoras profesionais do Ensino”.

Fernández Rey manifestou: “a verdade é que temos que facer un balance moi positivo, penso que pola parte do Concello e pola parte do Ensino que se foi moi agradecido polo trato que recibiron e as instalacións das que puideron desfrutar aquí e esperemos que para o ano que ven, así o manifestaron, teñen intención de volver facer aquí este stage”.

O edil burelés adiantou que “estamos falando co Ensino mostrando a nosa dispoñibilidade a acoller algún tipo de torneo de baloncesto feminino importante en Galicia ou a nivel do estado. Estamos en contacto con eles para intentar que se celebren aquí esas competicións que tanto nos gustan aquí, a nivel deportivo, hostaleiro e comercial porque sempre traen xente ao pobo. Como digo fóronse encantados, puideron desfrutar de Burela e tamén dos coñecementos que aprenderon no campus”.

Ramiro Fernández salientou que “queremos agradecer á Fundación Drocer, que foi a impulsora do stage e ao Durán Maquinaria Ensino, que elixiu Burela para facer este evento, coa colaboración inestimable, que fan un traballo estupendo, do Club Baloncesto Burela e da Fundación Indecum, que tamén participou na organización deste campus. Estamos encantados de que eles se foran contentos, nós tamén o estamos, e esperemos que o baloncesto feminino, que en Burela temos unhas categorías moi potentes, siga crecendo e que sigamos tendo este tipo de actividades en Burela”.

Exit mobile version