Site icon Crónica3.com A Mariña

A Comisión de Veciños do Barrio de A Torre, en Vilaselán, sigue reclamando a ampliación e acondicionamento do camiño

Ribadeo, 5 de xullo, 2021. Un infortunado camiño en Ribadeo: A Torre 1985 – 2021

Non desistiremos no empeño: a Comisión de Veciños do Barrio de A Torre, en Vilaselán, (formada en agosto de 2016 para o seguimento da mellora deste camiño, e non sendo a nosa intención representar a todos os veciños xa que iso é imposible) queremos recordarlle ao Sr. Alcalde de Ribadeo, D. Fernando Suárez Barcia, que imos seguir reclamando a ampliación e acondicionamento deste camiño ata que dunha vez por todas se resolva esta inxustiza que se está a facer neste barrio.Non é algo que reclamemos para o noso uso individual ou particular, de ser así pode estar seguro que non o molestaríamos. Trátase dun ben común.

Parécenos que 14 anos que leva vostede gobernando este Concello, e sendo coñecedor desta situación, incluso antes de ser nomeado alcalde, é tempo mais que suficiente para telo resolto e sen embargo non o fixo.

A nosa máxima sempre foi a de levar este tema da maneira mas discreta posible, reunións e escritos que nunca transcenderon mais aló das paredes desa Alcaldía. Pois ben, ante a súa negativa a unha solución definitiva, queremos transmitirlle a nosa máis rotunda decepción e non nos deixa outra alternativa máis que a de dar a coñecer a toda a opinión pública o que nos pensamos sobre a súa maneira de “gobernar”, algo no que imos seguir incidindo.

Por outra banda, gustaríanos que se nos tivese en consideración, pois sempre estivemos dispostos a colaborar con esa Alcaldía durante todos estes anos, unha disposición aberta a calquera das formas e fórmulas que se nos tivese plantexado, incluso no tema económico, como vostede ben sabe, pero que, por motivos obvios, pechamos en xuño de 2018.

Invitación a todos os viandantes e veciños deste Concello

É para nós unha obriga invitar a todos os residentes e non residentes deste concello a dar un paseo por este barrio e así verán de primeira man ó que estamos demandando.
Un corto paseo onde poderán contemplar un camiño que segue tendo a mesma anchura que na súas orixes, onde só podían circular as persoas e os carros arrastrados por animais.

Un camiño que está mais preto do que poden imaxinar, pois camiñando desde a Estación de Autobuses non leva máis de 5 minutos. Claro que, polas características actuais no que se encontra, todo podía indicar que se trata dun barrio mais aló das “quimbambas”. Pois ben, vostedes mesmos pódeno comprobar. Non entendemos como estando tan cerca estea tan lonxe no tempo.

Esta mesma invitación tamén queremos facela extensible ao noso alcalde: gustaríanos que en vez de pasar por este barrio unha vez cada 4 anos o fixera un pouco máis a miúdo para que puidera darse de conta da realidade e do día a día destes veciños.

Permítannos unha suxestión: se deciden facer esta visita, por favor fágano con moito sentidiño pois circulan persoas e tamén vehículos por ese camiño.

Exit mobile version