Site icon Crónica3.com A Mariña

80.000€ para levar o saneamento aos núcleos da Alleira e O Cal, en San Román

Cervo, 30 de xullo de 2021. O Concello de Cervo destinará preto de 80.000 euros -77.355,45 concretamente- procedentes todos eles de fondos municipais, para levar o saneamento aos núcleos da Alleira e O Cal, na parroquia de San Román de Vilaestrofe.

O rexedor, Alfonso Villares, e a tenente alcalde, Dolores García Caramés, mantiveron un encontro cos pedáneos da zona, Antonio Vila e Plácido Pérez, e cunha representación da veciñanza, para explicarlles polo miúdo o proxecto que se executará nos vindeiros meses.

Os traballos, tal e como relataron, consistirán basicamente “na creación da rede de saneamento de augas residuais e na renovación do pavimento nos tramos da vía afectados, mellorando as condicións de accesibilidade existentes nestes núcleos”.

Así, crearase unha nova rede de sumidoiros, renovaranse as acometidas domiciliarias, procederase a apertura de gabias e á instalación das correspondentes arquetas e pozos de saneamento e á execución de cunetas de formigón e á reposición, finalmente, do firme asfaltado.

Villares apuntou que se trata dunha actuación importante para a veciñanza destes núcleos, “son obras que non se ven, que están soterradas, pero que son moi necesarias para seguir a mellorar a calidade de vida dos cervenses”, neste caso en beneficio daqueles que viven no rural, e para nós é primordial que “as inversións cheguen a cada recuncho do noso municipio que o precise, e dende o Concello traballamos decididamente para elo”, engadiu.

Exit mobile version