Ribadeo, 16 de xullo de 2021. No Concello de Ribadeo foron asinados esta mañá os convenios coas escolas deportivas de verán nas que participan 70 nenos e nenas con idades comprendidas entre 8 e 15 anos. No acto participaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, así como José Ángel Fernández, David Martínez e Juan Calvo-Sotelo, en representación das escolas de piragüismo, surf e vela.
O edil de Deportes explicou que “é a rubricación das escolas deportivas de verán, que contan con 70 rapaces e rapazas que desfrutan de tres disciplinas: o piragüismo, o surf e a vela. Ao longo do verán estarán en distintas datas referenciadas para que desfruten destas actividades”.
Jorge Díaz subliñou: “queremos dar as grazas aos clubs, como non podía ser doutra forma, dado o que está a pasar e o que estamos a vivir, que non é fácil convivir e prestar este servizo”.
O concelleiro de Deportes dixo: “espero e desexo que as familias destes nenos e nenas estean contentas con esta actividade lúdica que están a desfrutar e van desfrutar durante este verán”.