Site icon Crónica3.com A Mariña

450.000€ para a modernización de 38 negocios de aloxamento e restauración da provincia, 16 deles na Mariña

Lugo, 28 de xullo de 2021. A Xunta resolveu a orde de axudas para financiar actuacións de mellora de infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración, que na provincia de Lugo benefician a 38 negocios de 16 concellos con achegas por valor total de 445.825 euros.

Así o explicou hoxe o delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, no transcurso dunha visita ao restaurante Campos da cidade de Lugo, un dos beneficiarios destas axudas que buscan estimular o acondicionamento e modernización das infraestruturas turísticas co fin de presentar unha oferta competitiva e de calidade, sobre todo neste Xacobeo.

As subvencións concedidas chegan a negocios de Ribadeo (7), Lugo (5), Foz (3), Barreiros (3), Viveiro (3), Sarria (2), Portomarín (2), Folgoso do Courel (2), Monforte de Lemos (2), Chantada (2), Palas de Rei (2), Guitiriz, Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, Meira e Paradela (estes últimos un en cada concello).

O 80% das axudas son para mellorar establecementos de aloxamento (363.000 euros para 29 negocios), e os 82.800 euros restantes para nove locais de restauración da provincia.

A través destes apoios, o Goberno galego financia, entre outras actuacións, accións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas; obras para a optimización das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística; ou actuacións para incrementar a clasificación do establecemento e elevar a súa categoría. Tamén inclúe iniciativas de climatización que favorezan a sustentabilidade introducindo medidas de aforro enerxético; a modernización das instalacións e do embelecemento do entorno; ou a renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento dos establecementos.

Arias subliñou que este ano a Vicepresidencia primeira incrementou nun 133% o orzamento desta orde con respecto á convocatoria anterior, dotándoa con 3,5 millóns de euros para o conxunto da Comunidade.

“A Xunta está axudando desde o primeiro momento aos sectores máis prexudicados pola pandemia”, dixo o delegado, quen se referiu á posta en marcha de novas medidas de apoio, como a liña específica para contribuír á modernización e mellora dos hoteis e restaurantes de máis de 25 empregados, que inxectará 2,5 millóns de euros ao sector.

Exit mobile version