O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que a medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
En canto á distribución das achegas aprobadas, Viveiro contará co apoio do Goberno galego para realizar dez contratos, Burela e Ribadeo cinco cada un, Cervo e Mondoñedo dous e Ourol un.
No conxunto da provincia de Lugo, a Xunta destina preto de 900.000 euros (892.500 euros) a colaborar con 16 concellos para contratar a un total de 68 persoas perceptoras da Risga.
O importe da subvención que se concede ás entidades beneficiarias será o equivalente ao necesario para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, durante un período de nove meses.
O delegado territorial incidiu en que esta medida ten como obxectivo conseguir a mellora da empregabilidade dos colectivos máis vulnerables e completa outras iniciativas da Xunta para favorecer a contratación laboral por parte dos concellos galegos.
Así, referiuse a outras liñas de axudas que a Xunta resolveu recentemente, como as do programa Aprol Rural, que na comarca da Mariña destina 327.900 euros para facilitar a contratación de 24 persoas desempregadas que levarán a cabo tarefas de prevención de incendios en 15 concellos; e os apoios por valor de 190.400 euros para cubrir 58 postos de socorristas que vixiarán as praias e piscinas de trece concellos mariñáns durante o verán.