Realizouse unha visita aos colexios e instituto participantes utilizando un vehículo sostible, un patinete eléctrico. Deste modo, o Concello de Viveiro quería minimizar a súa pegada ecolóxica para dar exemplo.
As visitas comezaron no IES María Sarmiento, onde están aproveitando o compost para facer xardineiras e plantar árbores, mellorando así as zonas verdes do centro.
A continuación, foi o turno do CEIP Plurilingüe de Covas onde están preparando un programa de alimentación saudable e queren axudarse do seu composteiro para que sexa un éxito.
Doutra banda, no CEIP Luis Tobio teñen unha experiencia previa coa compostaxe e están aproveitando o programa para promover hábitos saudables entre o alumnado. Este centro ten un gran horto cheo de vida.
O último centro visitado foi o CEIP de Galdo, que conta con dous composteiros, un deles fronte a cociña, facilitando a xestión dos residuos orgánicos do comedor. Contan con dous hortos, un na parte superior da parcela que usan os máis pequenos e outro a carón dun pequeno invernadoiro. Este último é xestionado polo alumnado alimentándoo cos restos das merendas.
Tras as visitas aos centros educativos, o Concello de Viveiro realizou un vídeo que recolle as diferentes propostas do alumnado no marco do proxecto “Viveiro Sustentable”.
O Concello de Viveiro quere trasladar o seu agradecemento a estes centros educativos, polo seu traballo e implicación. Dende o goberno local destacan que a forza do programa de compostaxe que impulsan é a participación da cidadanía.
A intención do Concello de Viveiro coa súa aposta pola compostaxe é permitir que os residuos orgánicos xa non cheguen aos colectores da rúa, pechando así o ciclo da materia nos propios fogares.
Toda a cidadanía de Viveiro pode sumarse de forma gratuíta a este programa de compostaxe. Para participar é necesario completar un formulario (https://cutt.ly/yhO5rrF), enviar un correo electrónico a viveirosustentable@mediagesgm.com ou chamar ao número 675.507.832.
O único requisito para formar parte deste programa é ser veciño/a do Concello, ter un pequeño xardín ou terreo e estar disposto/a e motivado/a para formar parte deste proxecto educativo e formativo.
A iniciativa, de financiación europea, conta ademais co apoio da consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.