Viveiro, 19 de xuño de 2021. O Concello de Viveiro súmase á acción #LuzporlaELA, promovida pola Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica, AGAELA, iluminando a Porta de Carlos V de cor verde este luns, día 21 de xuño, coincidindo co Día Internacional da Esclerose Lateral Amiotrófica.
Con esta iniciativa, preténdese dar visibilidade a esta enfermidade e que a sociedade comprenda a que se enfrontan os enfermos e as súas familias ante este fatal diagnóstico.
A ELA é unha enfermidade neurodexenerativa incurable, progresivamente incapacitante e mortal nun prazo de 3 a 5 anos desde o seu diagnóstico, pero isto só son datos obxectivos da enfermidade. A realidade é que, En España, cada día, diagnostícanse tres novos casos de Esclerose Lateral Amiotrófica e falecen outras tres persoas en silencio.
A Asociación AGAELA loita por mellorar a calidade de vida das familias afectadas de ELA da nosa comunidade. As necesidades das persoas que padecen ELA son moitas e dar resposta a todas elas implica un custo para cada familia demasiado elevado: adquirir produtos como camas articuladas, guindastres de traslado, adaptar o domicilio familiar, ou custearse tratamentos de rehabilitación, entre moitos outros.