A cidade de Viveiro acollerá así a segunda edición desta proba, que puntúa para o Campionato de España de Ciclismo Adaptado e que ten como principal singularidade o seu desenvolvemento en ruta, cun percorrido de 30 quilómetros con saída e chegada en Celeiro.
Segundo explicou na presentación, o presidente do CC Viveiro, César Lage, “trátase da única proba de ciclismo adaptado que se pode facer integramente en ruta en todo o Estado”, ademais “da única proba do Campionato de España que se celebrará este ano en Galicia”
O deputado Efrén Castro subliñou o “compromiso da área de Deportes cos clubs e cos concellos para sacar adiante eventos deportivos coma este, que é unha referencia no calendario estatal”. “É, ademais dunha obriga, un orgullo colaborar na promoción do deporte e máis aínda na promoción do deprote inclusivo, que está a medrar e buscar o seu oco”, expuxo.
Tamén se referiu á “gran afección e tradición que Viveiro ten na organización de probas ciclistas”, entre eles o Gran Premio San Roque de Ciclismo, que se celebrará na mesma data.
A organización estima que a proba reunirá uns 50 deportistas de todo o Estado, incrementando a participación con respecto a súa primeira edición. Entre os participantes, estarán Iván Montero, actual campión de España de ciclismo adaptado e presidente de Paraciclismo Galicia que, na presentación do evento, definiu a proba de Viveiro “como a máis dura e a máis bonita do ano” e comprometeu “espectáculo e esforzo dos ciclistas na carretera”
No acto de presentación participaron tamén a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, o concelleiro de Deportes, César Iglesias, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, José Carlos Muñiz.