A deputada provincial responsable de Medio Rural, Mar e Mocidade, Monica Freire, declarou que “hoxe, coincidindo co Día Mundial dos Océanos, que se celebra este 8 de xuño desde a Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación desenvolvemos, en colaboración con Adega e co Concello de Ribadeo, a campaña de sensibilización Coida os mares, coida a vida, que pretende poñer en valor o respecto pola biodiversidade animal e vexetal da Mariña para poder conservar e utilizar de xeito sostible os recursos mariños”.
Mónica Freire sinalou que “esta iniciativa chegou a un total de 90 pícaros e pícaras dos dous colexios de primaria de Ribadeo, o Gregorio Sanz e tamén o Sagrado Corazón de Jesús, que realizaron saídas para limpar as praias dos Bloques e o Camiño das Aceas, e as praias de Illas-Castros, respectivamente”.
A responsable provincial de Medio Rural, Mar e Mocidade salientou que “con esta campaña pretendemos dar visibilidade á problemática do lixo mariño e, sobre todo, concienciar ás crianzas da importancia dunha axeitada xestión dos nosos recursos e do noso consumo. Entendemos que a sensibilización ambiental é chave para a realización destas xornadas, podendo observar de primeira man a cantidade de lixo que agochan as nosas praias. Debemos ser capaces, polo tanto, de conservar e de empregar de xeito sostible os océanos, os mares e os recursos mariños”.
Mónica Freire engadiu que “con este tipo de actividades de educación ambiental pretendemos concienciar a estes nenos e a estas nenas sobre as graves consecuencias que os residuos vertidos ao mar teñen, especialmente os microplásticos, que tan mal afectan aos ecosistemas mariños. Tamén buscamos chamar a atención sobre a insostibilidade dos modelos de consumo, as malas estratexias de xestión dos residuos e sobre todo da falta de sensibilización ambiental da poboación en xeral”.
Xunto ao alumnado participante estiveron ademais de Mónica Freire, o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, e o técnico de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo, Xaime Pérez.