No mesmo explican que “estas dúas entidades levamos varios anos organizando un evento lúdico-histórico-cultural de notable éxito. Estamos moi orgullosos do moito que se foi conseguindo en tan só seis edicións do Ribadeo Indiano, atraendo a milleiros de persoas de diferentes latitudes a Ribadeo durante a segunda fin de semana de xullo”.
Concello e Acisa sinalan que “xa se sabe que o ano pasado, como tantas outras actividades, tivo que ser cancelado por mor da pandemia. Neste ano 2021, as persoas integrantes da organización deste evento vimos colaborando desde hai moitas semanas para observar como vai avanzando a situación pandémica, como evolucionan as diferentes normativas que afectan á reunión de persoas en espazos abertos ou pechados, os horarios, etc. Vemos con ilusión e con esperanza que a situación sanitaria está mellorando en todos os ámbitos e que afortunadamente xa vemos a luz ao final do túnel, aínda que tampouco debemos esquecer que, a día de hoxe, hai máis poboación sen inmunizar contra este mal que inmunizada. Calquera paso dado en falso pode facernos retroceder moitísimo, tanto en termos de saúde (é dicir, de vida) como en termos económicos”.
Acisa e Concello seguen a relatar: “cabe dicir como exemplo que aínda que a día de hoxe non nos constan contaxiados por Covid en Ribadeo, debemos dicir que hai ben poucos días este mesmo Concello estivo a piques de cambiar de estado sanitario por outro máis grave, debido a un gromo que se puido ter descontrolado. Tanto desde o Concello como desde Acisa, estivemos consultando con discreción a unha serie aleatoria de actividades comerciais, de hostalaría, de restauración e servizos, de particulares, etc., para ter impresións anónimas que nos puideran axudar na toma dunha decisión ponderada e sensata, pois ao cabo, é o que se agarda dos representantes públicos. Debemos ser conscientes tamén de que o Ribadeo Indiano non é unha simple celebración menor, senón que é un auténtico evento de masas, que nunha situación de limitación de aforos na hostalaría se pode volver inxestionable”.
E engaden: “á vista disto constatamos un temor xeralizado destes sectores de que, se o evento se descontrola no que ten que ver coa afluencia desmedida de xente, non se poida atender correctamente pola escaseza de aforos, etc., e se por riba se chegan a producir contaxios de Covid19 en Ribadeo a mediados do mes de xullo, pode ser moi probable que se teñan que asumir graves consecuencias no resto do verán, o que sería inasumible para o sector servizos. Este sector está albergando unhas boas expectativas de visitantes para a época estival sen organización algunha de eventos de masas”.
Concello e Acisa conclúen: “por todo o anterior, e atendendo ás opinións do sector servizos en xeral e aos criterios e fundamentos expresados pola asociación Acisa en particular, acordamos non celebrar a edición 2021 do Ribadeo Indiano, comprometéndonos, como non podía ser doutro xeito, a organizar o mellor evento do Indiano para o vindeiro ano 2022, unha vez superada e vencida directamente a pandemia, que a día de hoxe e probablemente durante todo o verán sigamos arrastrando”.