Site icon Crónica3.com A Mariña

Seguir en primeira, en mans da bancada laranxa

Burela, 10 de xuño, 2021. A Bancada Laranxa será clave na continuidade do Pescados Rubén Burela FS na mellor liga do mundo. Vista Alegre vestirá mañá as súas mellores galas para acoller o segundo compromiso do play out, fronte a Durán Ejido Futsal, que pode outorgarlles aos mariñáns a permanencia. Será ás 21.00 horas, con emisión en directo de BurelaFS.TV.

“Levamos desde agosto con este obxectivo. Este equipo merece seguir en Primeira, traballou moito e demostrou que pode plantar cara a calquera. Temos por diante unha dobre oportunidade de ouro, na casa, e temos que facer os deberes xa o venres para non esperar á última opción, o domingo”, advertía a Xoia canaria, Javi Rodríguez, autor dun golazo o sábado pasado en terras almerienses, na vitoria laranxa (2-3).

O Pescados Rubén Burela parte con vantaxe e terá o apoio da Bomboneira: “Fixemos o máis difícil, conseguir o punto a domicilio, e esperamos sentencialo xunto a toda a familia deste club e desta vila xa mañá” confesaba o 7 mariñán, sen alardes de confianza, incidindo na excelente tempada do equipo revelación de Segunda: “Puidemos distanciarnos 0-3 na primeira parte pero El Ejido é un gran equipo e na segunda parte, co porteiro xogador, demostraron que saben como facer dano. Non debemos confiarnos; sabemos que temos que manter a mesma imaxe do partido da semana pasada; estivemos puíndo detalles e traballando o seu xogo de cinco tan recorrido”, explicaba o ala de La Gomera.

O último adestramento dos galegos será esta tarde ás 16.30 horas. Antes terá sesión en Vista Alegre xa Durán Ejido.

Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Nito, 5. Iago Míguez, 6. Pitero, 7. Javi Rodríguez, 10. Matamoros, 12. Renato, 13. Giasson, 19. Bruno, 20. David Pazos, 22. Álex Diz, 23. Quintela, 24. M. Kaluza

Exit mobile version