Barreiros, 24 de xuño de 2021. A Área de Turismo do Concello de Barreiros organiza para este verán varios roteiros guiados en kaiak pola Ría do Masma con saída dende o embarcadoiro da praia de A Anguieira.
Trátase dunha opción diferente para gozar da tempada estival nunha contorna natural privilexiada, a ría do Masma. Un espazo natural protexido catalogado como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Zona de Especial Conservación (ZEC).
Actividades coma esta, non só constitúen unha fantástica alternativa para pasar un intre divertido e facer exercicio ao aire libre coa familia e os amigos/as, senón que tamén permiten aprender sobre os valores ambientais da ría, descubrir os seus recunchos e mesmo observar as diferentes especies de aves que teñen aquí o seu hábitat.
Nestas travesías percorrerase o litoral da ría pola marxe de Barreiros acompañados dun equipo de guías especializados.
Realizaranse catro rutas en total ao longo dos meses de xullo e agosto, podendo consultar toda a información a través da web do www.aescola.concellodebarreiros.gal ou chamando á Oficina de Turismo no 982 134 400. Terán un custo de 30€ por ruta e persoa e o proceso de preinscrición realizarase exclusivamente a través do Rexistro Municipal de forma presencial ou da Sede Electrónica do Concello. As prazas son limitadas. O prazo de inscrición iniciarase o venres 25 de xuño permanecendo aberto ata 3 días antes de cada actividade, sendo o último día do prazo o luns previo a cada un dos roteiros guiados.
A Alcaldesa, Ana Ermida, subliñou que “o Concello subvenciona o custo que supón o traslado da saída desta actividade para Barreiros xa que a empresa contratada debe mobilizar todo o equipamento e aos/ás monitores/as para esta marxe da ría. Así, o custo repercutido aos/ás participantes é o mesmo que terían que pagar se contratasen esta mesma actividade directamente coa empresa subministradora dende o seu lugar habitual de partida.”
Ermida engadiu que “con isto o Concello quere facilitarlles a veciños/as e visitantes unha oferta de ocio atractiva e interesante sen ter que desprazarse fóra do municipio e agarda facer de Barreiros un lugar máis dinámico con alternativas de ocio e deporte para tódolos públicos poñendo, á vez, en valor os espazos naturais do municipio”.