Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo súmase á campaña #OrgulloDeReciclarVidrio de Ecovidrio

Ribadeo, 26 de xuño de 2021. O Concello de Ribadeo súmase á campaña #OrgulloDeReciclarVidrio de Ecovidrio. Coma símbolo da iniciativa foi instalado na rúa San Francisco un contedor para a reciclaxe de envases de vidro decorado coa bandeira arco da vella. A campaña foi presentada polos concelleiros de Medio Ambiente e Igualdade, Jorge Díaz e Mariluz Álvarez, e polo xerente de zona de Ecovidrio, Germán Fernández.

Díaz Freije dixo que “esta iniciativa aúna sostibilidade ambiental e a importancia da reciclaxe de envases de vidro con valores sociais como a inclusión, a igualdade e a diversidade”.

No pasado ano os veciños e as veciñas de Ribadeo reciclaron un total de 333 toneladas de envases de vidro, o que se traduce en 33,7 quilos de media por habitante. Segundo os datos facilitados por Ecovidrio “a localidade sitúase cunha media de 98 habitantes por contedor, contando na actualidade cun total de 101 iglús instalados para os residuos de envases de vidro”.

#OrgulloDeReciclarVidrio súmase aos actos organizados pola Concellaría de Igualdade para celebrar o 28 de xuño, o Día Internacional do Orgullo LGTBI. O luns están programadas diversas actividades que terán lugar no parque de San Francisco destinadas a rapaces e rapazas de 3 a 13 anos. Haberá unha ximkana, un mural creativo, marionetas diversas, obradoiros de pulseiras creativas e flashmob. Para a xente moza e adulta está programada unha proxección no Teatro ás 20:00 horas. Ademais na Casa do Concello loce desde hai días a bandeira LGTBI. O slogan da celebración é Por un Ribadeo de cores, no que cada quen será o que queira ser.

Exit mobile version