Viveiro, 8 de xuño de 2021. O Concello de Viveiro informa da finalización das obras de reparación de parte do muro do Cemiterio Municipal de Altamira, en concreto da esquina situada contra o apeadoiro de tren na Ponte Labrada.
Con esta intervención, o goberno local soluciona os problemas de asentamento que apareceron nesa parte do cemiterio municipal, que se incrementaron a raíz da riada acontecida en Viveiro en novembro de 2018. O incidente causara graves destrozos materiais en diferentes lugares do municipio, moi especialmente no barrio de Xunqueira e que tamén afectaron ao Cemiterio Municipal de Altamira.
Para a execución desta obra, de gran complexidade, debido ao mal acceso a esa zona en concreto, o Concello de Viveiro solicitou a colaboración tanto técnica como económica da Deputación de Lugo.
Deste modo, a propia Deputación encargouse de licitar e encargar a redacción do proxecto, asumindo, así mesmo, todos os gastos da obra.
Dende o primeiro momento, o Concello de Viveiro solicitou a colaboración da Deputación de Lugo tendo en conta que se trataba dunha obra complicada na súa execución. O goberno local adoptou ademais como medida previa á execución dos novos muros o apuntalamento das zonas en mal estado.
Doutra banda, a necesidade de actuar nesta zona obrigou ao Concello de Viveiro a adquirir as parcelas que limitan con este muro, co fin de non prexudicar a ningún particular con estes apuntalamentos.