Site icon Crónica3.com A Mariña

Remata o curso do Conservatorio de Viveiro

Viveiro, 25 de xuño de 2021. O Concello de Viveiro fixo hoxe un balance do curso 2020-2021 no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, informando que houbo un total de 239 matrículas.
O conservatorio acolle alumnado de catorce concellos diferentes, tanto da comarca da Mariña como doutros municipios da provincia da Coruña. En concreto, no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro hai alumnos e alumnas de Alfoz, Burela, Cariño, Cervo, A Coruña, Foz, Lourenzá, Mañón, Ortigueira, Ourol, Ribadeo, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Con respecto ao persoal do centro, cómpre indicar que conta con 24 docentes, dos que 7 están a tempo parcial. Ademais, no conservatorio traballan hai un administrativo e un conserxe.

Dende o Concello de Viveiro quérese destacar a grande importancia do servizo prestado, facendo constar que en Galicia hai 21 conservatorios profesionais de música dependentes dos concellos e, polo tanto, asumindo unha competencia que corresponde á Xunta de Galicia.

No caso de Viveiro, dáse ademais unha particularidade especial, tendo en conta que se trata do conservatorio profesional de música dependente dun concello que se atopa máis lonxe dunha capital de provincia, onde os conservatorios profesionais existentes si que dependen da Xunta de Galicia, igual que no caso das cidades de Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela. Este feito, motiva que Viveiro acolla alumnos e alumnas que proveñen dende Ribadeo ata Cariño.

O custe do conservatorio supón unha parte importante do orzamento municipal e isto supón unha grave discriminación con respecto ás grandes cidades, que dispoñen de conservatorio profesional de música sen que os seus municipios teñan que asumir ningún tipo de custe.
O Concello de Viveiro forma parte da iniciativa que partiu do Concello de Ponteareas en 2016, na que xa se realizaron varias reunións para que tanto a FEGAMP como as deputacións se alíen para facer unha fronte común para que a Xunta de Galicia trate a todos os conservatorios por igual, evitando que poidan producirse agravios comparativos entre os estudantes duns ou doutros, sobre todo económicos.

Nos últimos tres anos o Concello de Viveiro recibiu unha pequena subvención por parte da Xunta de Galicia, ademais da subvención concedida pola Deputación de Lugo. Con todo, a suma destas axudas e máis os ingresos correspondentes a matrículas e mensualidades non cubren, nin de lonxe, os gastos derivados do servizo, que ademais da súa importancia cultural ten a máxima importancia educativa, debendo considerarse polo tanto como unha inversión e non un gasto.

Para poder tratar esta cuestión e buscar unha posible solución, o Concello de Viveiro ten solicitada unha reunión co Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade. Agardamos que esa xuntanza poida celebrarse á maior brevidade posible co fin de tratar esta cuestión de gran importancia para o municipio.

CURSOS NO CONSERVATORIO

Por outra banda, infórmase que hoxe tivo lugar a entrega dos diplomas dos cursiños organizados neste terceiro trimestre polo Concello de Viveiro e o Conservatorio Profesional de Música. O acto tivo lugar no salón de actos do conservatorio e encargouse de facer entrega dos mesmos 1º Tenente de Alcalde e Concelleiro delegado do Conservatorio, Jesús Fernández Fernández.

En cada un destes cursos ofertáronse un total de 7 prazas, que foron cubertas por alumnos dos graos superiores, así como tamén dalgún profesor, dado que se trataba de cursos moi específicos e especializados.

Os cursos impartidos foron os seguintes:

– “Chopin y Liszt: el estilo Cantábile”, impartido por Plácido Travieso Fernández.

– “Harmonía aplicada á composición”, impartido por Ángel Soto Mosquera.

– “A guitarra e a súa importancia ao longo da historia”, impatido por Xoán Xosé Casteleiro Martíns.

– ” O repertorio de Gaita na Francia da primeira metade do s. XVIII”, impatido por David Bellas García.

– ” A pedagoxía da Linguaxe Musical no Grao Elemental”, impartido por Marta Rico Lojo.

A Orquestra de Guitarras do Conservatorio, dirixida por Antonio Río Rodríguez e formada polo alumnado de Grao Profesional de Guitarra, realizou un pequeno concerto para acompañar o acto.

Exit mobile version