Cervo, 18 de xuño, 2021. O edil de Turismo, David Rodríguez, recibiu esta mañá, da man do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a bandeira azul que un ano máis lucirá a Praia do Torno, de San Ciprián, no acto central que tivo lugar nas Illas Cíes.
Rodríguez valorou como moi positivo que O Torno volva recibir este distintivo pola calidade das súas augas e dos servizos que ofrece.
O Concelleiro recordou, así mesmo, que o “Sendero Azul” do Torno tamén conta con esta insignia, por sexto ano consecutivo. Un carreiro natural cun percorrido de 2,36 quilómetros, que bordea o areal que leva o mesmo nome “e que é un reclamo de primeira orde tamén para o noso Concello”.
Ademais tamén quixo reiterar os parabéns a Paco Fra, porque a súa Carpintería de Ribeira, única na provincia de Lugo, foi recoñecida por cuarto ano consecutivo como Centro Azul “pola súa contribución á divulgación en materia medioambiental, realizando un traballo artesanal respectuoso coa contorna”.
Estes recoñecementos -apuntou- veñen referendar o labor que levamos anos desenvolvendo para buscar a calidade dos nosos recursos naturais, o que supón unha importante inversión en infraestruturas, en saneamento e no coidado e mantemento destes espazos, e estes distintivos son un impulso e un incentivo máis para seguir a traballar baseándonos no compromiso coa contorna e promovendo tamén hábitos responsables para manter as nosas praias na mellor das condicións”.
Rodríguez fixo fincapé en que “aínda que O Torno é a praia que ten bandeira azul, todos os areais do Concello contan cuns servizos axeitados a disposición dos usuarios, e cunha calidade óptima para o baño dos que temos que desfrutar con responsabilidade e gardando o distanciamento social correspondente, dada a situación excepcional que vivimos”.
Desde o Concello de Cervo pídenlle á cidadanía que goce dos diferentes areais que ten o municipio, pero sempre con responsabilidade, e seguindo as recomendacións de Sanidade e todas as medidas de prevención vixentes conta o COVID-19.