Burela, 14 de xuño de 2021. Hoxe ás oito da tarde na praza do Concello terá lugar unha recepción e homenaxe ao Pescados Rubén Burela de fútbol sala feminino, que nas últimas horas se proclamaba campión de liga. O alcalde, Alfredo Llano, recoñece o traballo, o xogo e o compromiso do equipo, que está a levar o nome de Burela por todo o mundo.
O rexedor contou que “hoxe recibimos con ilusión, ledicia e con todo o optimismo, porque nos están acostumando moi ben, ás xogadoras de fútbol sala feminino dado que é o que faltaba este ano, lograr o título de Liga, e aí está. Hai que facerlles un novo recoñecemento, pero tamén hai que valorar algo que para min é fundamental, o logro que se fixo con este equipo é digno de poñelo como exemplo. Somos referencia mundial, xa se ten recoñecido o equipo como o mellor do mundo en fútbol sala feminino e deron sempre motivos para merecer ese nomeamento porque desde entón non paran de gañar”.
Llano sinalou: “tamén teño que dicir que acadar este nivel de compromiso, de xogo e de solidariedade non é fácil e é derivado do traballo ben feito e da organización. Penso que é unha boa motivación para o resto da xente á que lle gusta o deporte, que o fútbol sala estea a este nivel en Burela. Como consecuencia de todo isto hai dous recoñecementos, un deles é que a afección de Burela é exemplar e realmente tira para que estes resultados se acaden, porque sen unha afección comprometida como a de Burela non sería tan fácil”.
O alcalde dixo que “hoxe, ás oito da tarde, imos facer unha recepción na praza do Concello para manifestar o noso cariño con todas estas xogadoras e aplaudirlles este novo mérito, que merece moito a pena”.
Alfredo Llano engadiu que “isto nos está levando por todo o mundo. Eu teño visto uns informes, unha vez recoñecido como mellor equipo do mundo, que foi comentado e difundido en moitos países do mundo. Este é un escaparate importantísimo, ademais dunha maneira optimista e moi positiva. Está recoñecéndose a Burela por este acontecemento deportivo. Todo suma, así que o noso agradecemento tamén vai por ese lado, pola promoción que supón para o noso pobo”.