Site icon Crónica3.com A Mariña

Radio IES Ribadeo, un proxecto de radio escolar

Ribadeo, 18 de xuño, 2021. Unha das iniciativas que deu comezo este curso no IES Ribadeo Dionisio Gamallo foi a creación dunha radio escolar, Radio IES Ribadeo. Para iso contamos coa axuda do profesor de Bioloxía e Xeoloxía, Fernando Losada, gran coñecedor do tema por ter participado en proxectos semellantes noutros centros. Enmarcamos a actividade en Contratos Programa, dentro da liña Eduemociona, co obxectivo de favorecer estratexias que potencien a intelixencia emocional, a autoestima, a empatía e a superación. Habilitamos na web o espazo Radio IES Ribadeo e tivo moi boa acollida.

Para a inauguración, o alumnado de 1º bacharelato coa axuda de María Ron, profesora de música, entrevistou a Cris Andina aproveitando a súa visita ó centro para impartir a charla “Olladas de muller” en conmemoración do 8 de marzo.

Fernando Losada foi preparando os protocolos necesarios para a radio e montou co seu alumnado de Cultura Científica de 1º Bach, oito cuñas radiofónicas. Ademais, propúxolles escribir guións sobre os riscos do mal uso das redes sociais e despois fixeron a gravación e el mesmo editou con gran profesionalidade un bo número de radioficcións moi interesantes.

Pouco a pouco foron participando moitos grupos: 3º ESO coa profesora Laura Berciano preparou un podcast sobre Emilia Pardo Bazán e o alumnado de 1º ESO na materia “Igualdade de xénero” impartida por Teresa González Piñeiroa, entrevistou a un bo número de mulleres dentro do proxecto coeducativo “Os meus referentes”. Tamén quixo participar o alumnado de 2º ESO A, na materia de música, impartida por Manuel Lozano. Debían facer un traballo sobre música disco, salsa e bachata e entón imaxinaron estar nun programa de radio con artisitas como Bee Gees, Marc Anthony e Romeo Santos e ata se atreveron a interpretalos.

Finalmente, un dos últimos traballos foi o dos alumnos e alumnas de 4º ESO que con Susi Besteiro, profesora de Bioloxía e Xeoloxía aproveitaron o turno de preguntas ó remate da videoconferencia impartida por Sonia Villapol, para coñecer a opinión da neurocientífica sobre a mestura de vacinas, os efectos da covid-19 nas embarazadas e os futuros avances da neuroloxía e despois convertéronna nunha entrevista coa axuda de Fernando Losada.
Todos estes traballos e algún outro que están ultimando Manel Yáñez, profesor de Filosofía e Miriam Bouso, profesora de Xeografía e Historia, están dispoñibles na web do centro e almacenados na plataforma iVoox. Dende o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo esperamos que resulten de interese e que a melodía da nosa radio composta polo alumno Andrés Bermúdez logo se vaia facendo habitual na comarca.

Exit mobile version