Burela, 4 de xuño de 2021. A Concellería de Turismo presentou as actividades das que poderán gozar aquelas persoas que pasen o verán en Burela ou na zona. Haberá Xeorutas, visitas guiadas á igrexa de Vila do Medio, ás redeiras e ao barco museo Reina del Carmen. O concelleiro, Ramiro Fernández Rey, subliña a forte aposta realizada polo Concello e agarda que estas alternativas sexan un éxito.
O edil burelés explicou que “desde o Concello de Burela queremos anunciar toda a programación turística que imos ter durante este verán. Este ano intentamos innovar, facer cousas novas e reforzar o que xa tíñamos programado. Fai uns días xa presentábamos as Xeorutas. Este ano reforzámolas para poder desfrutar das nosas marabillas xeolóxicas aquí en Burela. Este ano, ademais imos engadir unha visita guiada ás pinturas da igrexa de Vila do Medio. É unha nova iniciativa e esperemos que a partir do día 8, que vai ser a primeira visita que imos organizar, teña éxito durante este verán. É unha alternativa máis para ver a historia de Burela. Son unhas pinturas que teñen unha importancia relevante en canto á cultura”.
Ramiro Fernández contou que “outra visita que tamén este ano imos apoiar vai ser a que faremos á nave das redeiras. Vai ser unha visita que imos ter de luns a venres, en horario de once e cinco da tarde. Hai que chamar para reservar ao número de teléfono 630 75 79 10. En colaboración coas redeiras impulsamos este ano este tipo de visitas tamén. Ademais temos as visitas do barco museo Reina del Carmen que, como todos os anos, van ser seis diarias, tres pola mañá e tres pola tarde, en horario de once, doce, unha, cinco, seis e sete”.
O concelleiro de Turismos subliñou que “estamos apostando fortemente polo turismo aquí en Burela e estas iniciativas, algunhas delas novidosas, van ter moito éxito. Desde logo a xente que nos visite durante este verán vai ter moitas alternativas ademais de desfrutar das nosas praias e da nosa gastronomía. De cara á semana que ven, para compaxinar o tema turístico co deportivo, imos presentar as escolas deportivas municipais que van ter unha serie de novidades, incluso para a xente adulta, este ano. Imos ofrecer actividades para toda a xente que nos visite de maneira gratuíta. Ademais imos ter as actividades deportivas que temos todos os anos, que vai impartir o noso técnico deportivo”.
Fernández Rey engadiu que “imos ter unha oferta, tanto turística como deportiva importante aquí en Burela. Ademais este ano estamos moi esperanzados en que sexa moi bo turisticamente. A xente xa quere saír desa burbulla na que nos meteu a pandemia e vai intentar saír, visitar e desfrutar sobre todo da natureza. A pandemia ensinounos a desfrutar un pouco máis dos espazos ao aire libre e a aposta que facemos desde o Concello de Burela vai encamiñada cara a esas actividades ao aire libre e de paseo que tanto está demandando, agora mesmo, a xente”.
O concelleiro de Turismo en Burela agarda que “toda a xente que nos visite teña en Burela un lugar para poder desfrutar do seu descanso e tamén facer actividades que poidan servirlles para que desfruten un pouco máis das súas vacacións”.