Lugo, 30 de xuño de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este mércores a posta en marcha do programa Coñece a túa provincia coa apertura do prazo para que asociacións e entidades sen ánimo de lucro poidan anotarse e reservar praza nestas viaxes gratuítas que organiza a institución en pequenos grupos e dunha xornada de duración por todo o territorio lucense seguindo diversas rutas. O período de solicitude das 1.242 prazas dispoñibles nesta primeira tempada estará aberto a partir de mañá xoves e ata o vindeiro 30 de xullo.
José Tomé, que compareceu nos xardíns da Deputación xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, lembrou que Coñece a túa provincia é unha medida incluída no Plan de Impulso da Economía da Provincia e “ten como obxectivo fomentar o turismo de proximidade entre os veciños e veciñas, o que contribuirá, cremos que de maneira moi importante, á recuperación sostible do sector turístico, da hostalería e tamén do comercio local fronte ao impacto da pandemia, polo efecto multiplicador que terán na economía as viaxes que organizamos”.
Coñece a túa provincia nace ademais vocación de continuidade “porque responde ó modelo de turismo polo que apostamos: de calidade, sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego, sobre todo no rural”, explicou o Presidente.
Como anotarse
Para inscribirse, as asociacións deberán presentar a correspondente solicitude a través da Sede Electrónica da Deputación ou ben no Rexistro Xeral da institución. Toda a información para realizar a solicitude, así como as características e as condicións para participar nesta iniciativa pode consultarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de hoxe, 30 de xuño, e na páxina web da Deputación de Lugo, a través da Área de Turismo.
As viaxes desenvolveranse entre a segunda quincena de setembro e o mes de novembro, en días laborables agás festivos. En todo caso, o Servizo de Turismo da Deputación determinará os días concretos nos que finalmente se realizarán as excursións.
Actividade totalmente gratuíta
“A excursión concedida a cada entidade beneficiaria incluirá o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Todo, gratuíto para os participantes”, sinalou o Presidente. Coñece a túa provincia conta cun presuposto de 300.000€ para a súa execución durante este ano e o vindeiro, con opción de prórroga por outro ano máis.
O Presidente destacou que estas visitas “serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa”. A relación de entidades admitidas e en lista de agarda, se a houbera, publicarase no BOP.
37 itinerarios a elixir
As asociacións poden elixir entre un total de 37 itinerarios polo patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico de toda a provincia de Lugo. Destes 37 itinerarios:
8 son pola comarca da Mariña, que inclúen lugares naturais como o Fuciño do Porco, a Praia das Catedrais ou o litoral focense, pero tamén recursos patrimoniais como a fábrica de Sargadelos ou a Catedral de Mondoñedo.
10 rutas son pola Ribeira Sacra. Neste caso, as alternativas permiten visitar concellos como Monforte de Lemos, Portomarín, Sober ou A Pobra do Brollón, entre outros. Tamén se visitarán algunhas das igrexas incluídas na Ruta Transrománica, da que forma parte a Deputación de Lugo.
8 itinerarios pasan pola zona de Ancares-Courel, e achegarán aos participantes ás Terras de Burón e ó Camiño Francés na comarca de Sarria.
As 11 rutas restantes percorrerán as comarcas de Lugo e Terra Chá. As visitas inclúen lugares como o Castro de Amarante, a igrexa de Soutomerille ou o Castro de Viladonga, ademais do centro histórico da cidade de Lugo.
As viaxes do programa Coñece a túa provincia terán lugar sempre cumprindo coas medidas de prevención da Covid-19 decretadas polas autoridades sanitarias en cada momento.
O Presidente da Deputación subliñou que este programa “súmase a outras medidas do Plan de Impulso da Economía da Provincia que xa temos en marcha, como son os Bonos Impulso, as Actividades Fluviais, o programa Saborea a túa provincia ou o Lugo Termal”. Animou tamén as asociacións, colectivos e entidades sen ánimo de lucro “a anotarse e pedir praza no programa porque será bo para a nosa economía, pero tamén será moi bo para a sociedade, para seguir avanzando na recuperación da tan ansiada normalidade”.