Despois dun gran maratón con 7 partidos e 1 só tropezo, ante a magnificencia do Barcelona, os mariñáns teñen por diante a oportunidade de seguir competindo na elite, cun máximo de tres encontros por diante. “Asumímolo como unha obrigación pero tamén como unha oportunidade máis, o equipo demostrou que merece estar en Primeira cunha gran recta final, só se nos escapou por 11 segundos, e témolo que aproveitar” explicaba Giasson.
Durán Ejdo espera os galegos tras unha brillante tempada, como novel na categoría. Accedeu ao play off de ascenso na cuarta praza regular, conseguiu desbancar o líder, Noia Portus Apostoli con 8-1 e 1-2 e forzou o terceiro partido ante Manzanares pola ansiada elite impoñéndose na casa 4-3. “Será unah auténtica final. El Ejido chegou ata aquí por méritos propios. A etiqueta de favorito debe gañarse na pista; aí é onde debemos reflectir a diferenza entre un equipo de Primeira e un de Segunda”, advertía o peche laranxa do rival ao que lle dedicaron horas e horas esta semana: “Individualmente ten moitos xogadores dun contra un, unha defensa sólida e forte, con Josema como referencia. Cos partidos de play off puidémolos coñecer un pouco máis”.
O Pescados Rubén chega ao primeiro test fronte aos andaluces recuperando forzas e concentrado no gran obxectivo: “O desgaste e o cansazo foi enorme ao longo destas tres últimas semanas, pero puidemos recuperarnos estes días. Animicamente estamos plenamente convencidos de que temos unha oportunidade de ouro por diante e niso estamos implicados. Non a imos deixar escapar. Queremos conseguilo canto antes; imos a por todas para poder certificar a permanencia no regreso a Vista Alegre” advertía o 13 burelista, facendo referencia á continuidade da fase na Mariña, coa segunda cita prevista para o venres 11 (21.00 horas) e se fose necesario o domingo 13 (12.30 horas).
O conxunto de Sito Rivera adestrará esta tarde, ás 15.00 horas, xa en El Ejido, con todos os seus efectivos a excepción de Lucho, que non poderá participar debido a molestias na rexión inguinopélvica.
Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Nito, 5. Iago Míguez, 6. Pitero, 7. Javi Rodríguez, 10. Matamoros, 12. Renato, 13. Giasson, 19. Bruno, 20. David Pazos, 22. Álex Diz, 23. Quintela, 24. M. Kaluza