Lugo, 29 de xuño de 2021. A Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero participou hoxe na presentación da campaña que promoven as Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) “A pública es ti”, en defensa da universidade pública galega. Neste acto participaron tamén os representantes das Xuventudes Socialistas, Xurxo Doval e David Zapata e as concelleiras lucenses Olga López e Paula Alvarellos.
Diante da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, Otero reivindicou “priorizar as tres universidades públicas que teñen demostrado e acreditado sobradamente a súa excelencia de calidade docente e investigadora na nosa Comunidade”. Nesa liña remarcou que “o papel da universidade pública, debe ser a prioridade, fronte a calquera iniciativa privada”, insistiu.
Otero lembrou que o Grupo Parlamentario Socialista rexeitou no Parlamento de Galicia a lei de universidade privada da Xunta. “Agora é preciso e urxente reforzar e ampliar o Plan de Financiamento 22-26 e outorgar unha maior flexibilidade ás universidades públicas para, tal e como esixen, adaptarse ás novas necesidades sociais e económicas”, expuxo.
A Secretaria Provincial dixo “parécenos sorprendente que se limite o acceso ás universidades públicas, é ao mesmo tempo se xustifique crear unha universidade privada que incrementa o numero de prazas de estudios que xa existen en Galicia, e a un custe tremendamente superior. Non nos opoñemos as iniciativas privadas, pero na nosa Comunidade non son necesarias universidades privadas, xa que as públicas cobren toda a demanda”, remarcou.
David Zapata, representante de XSG-Lugo, afirmou que “grazas ao Goberno Provincial de Lugo o Campus obtivo 375.000 euros, dos cales 50.000 foron destinados a infraestruturas, isto é o que diferencia a un goberno socialista do nocivo neoliberalismo de Núñez Feijóo”. Nesa liña advertiu que “esta universidade fraudulenta vai causar problemas a Lugo, xa que se comeza a solapar ADE, pero cales serán as seguintes titulacións? Como se explicará a falta de estudantado?”, argumentou.
Oculta á privatización
Pola súa banda o representante da Comisión Xestora das XSG, Xurxo Doval, sinalou que “o proxecto de Abanca é un cabalo de Troia que oculta unha privatización completa do sistema universitario e a segregación social do estudantado, ao deixar a porta aberta a outras iniciativas máis nocivas dentro dun marco regulador pouco garantista e controlador.”
Doval, aseverou que “ Núñez Feijóo está disposto a saltarse a lei aplicable con tal de protexer os intereses das súas amizades en vez de reforzar a financiación do sistema público”, resumiu.