Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas reclaman que se cubran as prazas vacantes da atención no centro de saúde de Burela

Burela, 10 de xuño de 2021. A Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero, avanzou hoxe que rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias co fin de reclamar ao Goberno de Feijóo a que, de xeito urxente, se repoña o servizo de medicina e enfermería do centro de saúde de Burela, cubrindo todas as prazas que a día de hoxe se atopan vacantes con persoal estable, que permita prestar unha atención de calidade aos doentes deste centro de saúde.

Otero, presentou esta iniciativa, tras coñecer a través das veciñas e veciños de Burela a situación na que están a ser atendidos os usuarios deste centro sanitario. “Diariamente comprobamos que o Goberno do PP opta na provincia de Lugo polos peches de centros de saúde ou pola non cobertura das baixas dos profesionais sanitarios de atención primaria”, lamentou.

Así as cousas lembrou que en xaneiro de 2020 o Sergas anunciaba que o Centro de Saúde de Burela abriría, e pasarían consultas polas tardes a partir do mes de febreiro, en horario de 14:00 a 21:00 horas de luns a venres e para iso contrataríanse tres novos profesionais. Concretamente un médico de familia, un profesional de enfermería e unha persoa de servizos xerais. “Pero unha vez máis a realidade é que a día de hoxe a axenda do médico de tarde está pechada ata finais de ano, e os seus pacientes terán citas polas mañás e co médico que lles toque ese día”, advertiu.

3 médicos para aos máis de 10.000 veciños e veciñas de Burela
“Esta mesma semana só hai 3 médicos, porque unido á non cobertura do profesional da quenda de tarde, súmaselle agora que dous profesionais se atopan en Incapacidade Temporal e outro de permiso por asuntos propios. Polo tanto, hai tres médicos para atender aos máis de 10.000 veciños e veciñas de Burela”.

Nesa liña remarca que o Grupo Parlamentario Socialista xa se fixo eco destas baixas. “Escoitamos as críticas dos veciños e veciñas que se queixan de que non conseguen cita na quenda de tarde, situación que xa vimos denunciando dende principios de ano, e agora sumase tamén as queixas dos sanitarios que din chegar a unha situación límite esta semana, xa que dos 7 médicos adscritos a este centro de saúde só están en activo, agora mesmo son 3”.

Denuncias dos profesionais sanitarios
Hai que lembrar que os profesionais sanitarios “levan denunciando e reclamando melloras perante as autoridades da Área sanitaria Lugo-A Mariña-Monforte de Lemos, por considerar que nestas condicións é imposible prestar unha atención médica de calidade aos pacientes. Pero unha vez máis estas reclamacións caeron en saco baleiro”, relatou Otero.

Na enfermería a situación tamén é moi preocupante
No que se refire ao eido da enfermería a situación tamén é moi preocupante. “No centro de saúde de Burela existen dúas enfermeiras con praza e dous substitutos, no cadro de persoal, pero dous destes profesionais atópanse de baixa médica e só se lles cubre en días soltos. Estes profesionais en activo neste servizo teñen unha carga tremenda de traballo, xa que teñen que asistir a moitos domicilios, realizar test covid-19 ou vacinas a domicilio etc”.

Exit mobile version