Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas critican os recortes de Feijóo na atención primaria e demandan un plan de recuperación e a reapertura dos centros da provincia

Lugo, 27 de xuño de 2021. O Grupo Socialista na Deputación de Lugo esixirá á Xunta o vindeiro martes, a través dunha moción no Pleno da Corporación provincial, un plan de recuperación do sistema sanitario galego así como a reapertura dos centros de atención primaria na nosa provincia.

O PSdeG demanda tamén a través desta proposta “a contratación de profesionais sanitarios, nomeadamente en atención primaria, para cubrir as prazas recortadas nestes últimos anos así como as xubilacións que se han producir ó longo desta lexislatura. Unha contratación feita con criterios de estabilidade laboral que remate coa elevada precariedade existente no sistema sanitario galego”.

A xestión da sanidade pública galega xa non gozaba de boa saúde antes da pandemia. “O panorama da atención primaria na provincia amósase cun escenario desolador, con prazas sen cubrir, abuso dos contratos temporais, especialidades que desaparecen, sobrecarga de traballo son só algunhas das eivas, que afectan de xeito especial a unha provincia de carácter rural como é Lugo. Durante a pandemia, o noso sistema sanitario mantívose só grazas ao traballo impagable e incansable dos profesionais en canto á atención hospitalaria”, relatan.

As barreiras actuais de acceso aos Centros de Saúde de atención primaria, as dificultades mesmo para comunicarse cos profesionais destes centros e o difícil acceso ás especialidades hospitalarias afecta á saúde da poboación e xera un malestar tanto a nivel social como entre os profesionais, que non poden desenvolver o seu traballo co rigor que desexarían. “No concello de Baleira puidemos comprobar como no mes de abril a veciñanza denunciou que había unha lista agarda para conseguir unha consulta a través do teléfono co médico de ata 9 días. Esta é a sanidade de Feijóo”, replican.

Por todo isto, “como firmes defensores da sanidade pública, consideramos que é urxente adoptar medidas para fortalecer o sistema sanitario galego e superar tanto os retos que presentou a pandemia como as eivas xeradas por 12 anos de recortes e xestión neglixente dos gobernos conservadores”.

Situación na provincia de Lugo
Mais polo miúdo tamén aluden á situación dos centros de saúde e da atención primaria na nosa provincia. “Xa denunciamos problemas de atención pediátrica nos concellos de Abadín, Alfoz, Baralla, Becerreá, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Chantada (dous días á semana para 800 rapaces un só pediatra), Foz, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Ribadeo ou O Valadouro”. Ademais, é publico e notorio, tal e como denuncia o propio persoal, que como norma xeral, “non se cobren nin as baixas nin as vacacións do persoal sanitario nos centros”. O mesmo acontece en Navia de Suarna (que no verán triplican a poboación, pero non cobren con máis persoal) ou mesmo en Pedrafita do Cebreiro, que incrementa cos peregrinos”.

Tamén, no concello de Sarria “denunciamos que a fisioterapia atendía os casos urxentes tras 6 meses de espera, nunha lista de pacientes que superaba as 1.000 persoas”. Sobre as baixas médicas, “constatamos que se recortaron profesionais nos centros de Antas de Ulla, que tiña 3 médicos, e agora moitos días só hai 1, e en Mondoñedo e Castroverde recortouse 1 praza. Baleira ten un médico e o centro queda baleiro se atende unha urxencia. En Palas de Rei pasaron de 4 a 3 médicos. En Taboada tamén, de 3 só están 2”.

Centros pechados en Castro, Parga e Castro de Rei
Coa desculpa da pandemia o Goberno de Feijóo pechou os centros de saúde de Castro, en Carballedo, e o de Parga, en Guitiriz, (só esta dispoñible o servicio de enfermería), ou o de Castro de Rei, como xa denunciamos no Parlamento de Galicia con diversas iniciativas. A veciñanza non pode esperar nin un minuto máis cos seus centros de saúde pechados, hai que abrilos xa”, advirten dende o PSdeG.

Exit mobile version