Site icon Crónica3.com A Mariña

Os hoteis de Ribadeo reciben da Xunta unha caixa de libros para ampliar as súas bibliotecas

Ribadeo, a 12 de xuño de 2021. O grupo municipal do PP de Ribadeo mantén unha liña de estreita colaboración cos distintos sectores produtivos do municipio, unha colaboración e un apoio máis necesario aínda a causa das dificultades económicas xeradas pola pandemia de covid-19. Nesta colaboración se enmarca a xestión feita polos populares coa Consellería de Cultura para dotar aos hoteis de Ribadeo de libros, recollidos nunha fermosa caixa, para a creación de puntos de lectura. O portavoz popular, Daniel Vega, sinala: “O grupo municipal do PP quere seguir colaborando cos sectores económicos do noso municipio, nesta ocasión cos hoteis de Ribadeo. Levamos dende hai moito tempo colaborando con eles, e máis aínda nestes momentos de dificultade económica. Estámolo facendo coas axudas que aporta a Xunta de Galicia, dentro dos planes de rescate, pero tamén con iniciativas culturais”.

Vega sinala: “Nesta ocasión, conxuntamente con Acisa, trasladamos unha iniciativa á Xunta, concretamente á Consellería de Cultura, unha iniciativa moi importante e que foi moi ben acollida por parte da consellería. É unha iniciativa cultural, que consiste en dotar dunha caixa de libros aos hoteis. É unha caixa de deseño local, feito por unha empresa da nosa vila, cun lema precioso: Cada libro unha viaxe. Ribadeo, o teu destino. Está repleta de libros, tanto para nenos como para maiores, cos que é posible pasar ratos marabillosos e tamén informarte, porque dentro desa caixa está tamén a guía turística da Mariña”.

O portavoz popular di que “é unha iniciativa cultural, que quere encher de vida os hoteis, con puntos de lectura; Ribadeo quere ser unha biblioteca aberta para todos, acoller a todo o mundo e recibilos con un libro”. Vega cre que “é unha das iniciativas máis importantes que podemos aportar ao noso sector turístico”.

Exit mobile version