Lugo, 8 de xuño de 2021.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, participou hoxe nunha charla telemática para escolares de Burela impartida pola Garda Civil para advertir aos adolescentes sobre os riscos do mal uso das novas tecnoloxías. A conferencia inclúese na programación de actividades do Plan Director para a mellora da convivencia e a seguridade nos centros educativos e os seus contornos que desenvolven as forzas de seguridade do Estado.
Isabel Rodríguez destacou o valor da formación que ofrecen a Garda Civil e a Policía Nacional aos escolares da provincia, para que aprendan a evitar riscos polo uso indebido das redes sociais e das novas tecnoloxías.
A subdelegada chamou a atención dos escolares de Burela sobre “a importancia usar de xeito intelixente as novas tecnoloxías, aproveitando todo o que nos ofrecen para aprender, acceder a información ou mesmo para relacionarse e gozar do ocio, pero sen perder de vista os riscos que presentan”.
Rodríguez, avisounos de que “nunca debemos tolerar que nos resten privacidade ou que se convertan en soporte para persoas que queiran manipularnos ou para converternos en vítimas de chantaxes ou de algún tipo de acoso”.
Ademais, a subdelegada explicoulles que “se alguén de vós, se sinte ameazado ou ten algún problema deste tipo que non o garde para si, que pida axuda, aos amigos, á familia, aos profesores ou á Garda Civil. Estamos aquí para protexervos e para que poidades medrar e madurar en liberdade”.
160 ESTUDANTES
A charla, impartida por un dos formadores do equipo do Plan Director na Comandancia de Lugo, Ramón Peña, destinouse a estudantes de 1º e 2º da ESO do IES Perdouro de Burela e celebrouse por vía telemática, como a maior parte das actividades programadas neste curso académico debido á pandemia.
En total, foron 160 os alumnos e alumnas de 13 e 14 anos que tomaron parte nesta charla. Mañá haberá outra actividade semellante no mesmo centro dirixida a estudantes de 3º e 4º da ESO. E o venres terá lugar unha máis sobre prevención do consumo de alcol e outras drogas, neste caso para alumnos de ESO e 1º de FPB.
Esta semana, tamén, o equipo do Plan Director da Garda Civil ten programada outra actividade destinada a escolares do IES Pedregal de Irimia de Meira.
NOS CENTROS ESCOLARES
Os formadores da Garda Civil continúan neste curso académico coas programación dirixida a centros escolares. Ata agora, levan realizado ata agora 131 actividades, a maioría delas por medios telemáticos, nas que participaron máis de 3.000 alumnos.
Ademais das novas tecnoloxías, nas charlas abórdanse outros temas de interese para a mocidade como a violencia de xénero, seguridade viaria, acoso escolar, adicción a vídeo xogos e os riscos do consumo de alcol e drogas.
A programación diríxese a alumnos de primaria e secundaria e neste curso houbo charlas para centros escolares de 16 concellos: Palas de Rei, Castroverde, Guntín, Outeiro de Rei, Becerreá, O Saviñao, Chantada, Portomarín, Cervo, Begonte, Meira, Cospeito, O Páramo, Láncara, Rábade e Burela.
CON EDUCANDO EN FAMILIA EN 15 CONCELLOS
Ademais, o equipo de formadores da Garda Civil realizou outras actividades dirixidas a nais e pais de escolares inscritos no programa Educando en Familia. Realizáronse durante o mes de maio en 15 concellos da provincia: Ribadeo, Begonte, Xermade, Guitiriz, Burela, Castro de Rei, Cervo, Foz, Alfoz, Outeiro de Rei, Ourol, Mondoñedo, Riotorto, Barreiros e O Vicedo.