Burela, 29 de xuño de 2021. A Ocioteca de verán é unha actividade gratuíta ofrecida polo Concello como apoio ás familias na época estival. O alcalde, Alfredo Llano, dixo que foron presentadas 87 solicitudes para asistir neste 2021 e unha parte desa demanda non poderá ser atendida, debido á escaseza de monitores e á limitación do número de persoas por grupo, que non poderá superar as 10, segundo as medidas sanitarias vixentes na actualidade. O rexedor insistiu en que a Ocioteca non é un colexio alternativo, senón que se trata dunha serie de actividades para que as nenas e os nenos as disfruten durante as mañás en xullo e agosto.
Llano explicou que “o único que pretende o Concello é realizar algo de actividade, despois de que o ano pasado non puido facerse nada disto, para os nenos a as nenas, xa que están de vacacións e, se poden saír das casas porque non haxa ningún asunto sanitario que o impida, fagan algunha actividade. Pero con esta iniciativa non se pretende crear unha escola paralela nin moito menos senón ofertar unhas actividades para que os rapaces poidan pasalo o mellor posible, dentro das posibilidades que ten o Concello”.
O alcalde burelés contou que “este ano quixemos facelo dunha maneira tímida porque non sabíamos exactamente se ía haber oportunidade ou non de levar a cabo calquera tipo de actividade porque pensáramos noutras cuestións (deportivas, lúdicas, culturais…) e non foi posible. Entón ofertamos esa posibilidade para que se fora apuntando xente de acordo cunhas bases e inscribíronse 87 persoas. Pero nós temos que estar ás duras e ás maduras e quen obriga agora mesmo son as autoridades sanitarias e din que non se poden superar os 10 participantes por grupo, o que condiciona moito as actividades”.
Alfredo Llano indicou que “imos contar con 5 monitores, polo que poden atender a 50 persoas. A nosa intención era meter como mínimo 15 participantes en cada grupo se fora posible, co cal poderíanse cubrir as solicitudes que houbo. Pero agora o que pretendemos é atender o mellor posible, de acordo coas normativas que se están aplicando e coas garantías sanitarias que debe haber. O que se pretende á facer algo que sirva para motivar aos rapaces, pero non que sexa unha alternativa á escola nin ter aquí aos nenos coidados durante tres ou catro horas, o que sería unha competencia impropia que non podemos asumir”.
Para o rexedor a Ocioteca “é un servizo máis de ocio, deporte e cultura e imos intentar facer o máximo posible, pero tal e como están as circunstancias actuais e a normativa sanitaria é imposible abarcalo todo porque non superar os 10 participantes por grupo é un condicionante moi grande. Intentaremos ter os máximos monitores, dentro das posibilidades do Concello”.