Cervo, a 20 de xuño de 2021.O Partido Popular de Lugo seguirá apoiando as reivindicacións dos traballadores de Alcoa. Así, o trasladou, en nome de todo o partido, a presidenta provincial, Elena Candia, na concentración celebrada este domingo en San Cibrao na que participaron diversos representantes populares.
“O Partido Popular leva ao carón dos traballadores desde o primeiro día e seguimos estando neste momento tan importante. Agora a reivindicación é clara: que o Goberno cumpra o votado no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados”, manifestou a Elena Candia.
O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, declarou que se continuará reclamando ao Ministerio de Industria para que cumpra o acordado e a SEPI interveña no proceso de venda da factoría de Alcoa. “Non deixaremos de reclamar ao Ministerio de Industria que cumpra o acordado cos traballadores, coa propia empresa e co acordado polos grupos políticos no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados, que é que a SEPI interveña no proceso de venda da factoría de Alcoa na que hai diversos compradores interesados”, sinalou Demetrio Salgueiro.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, mantén a esperanza de que o Goberno do Estado rectifique e haxa unha solución para a planta de San Cibrao. “Moitos representantes do Goberno do Estado dixeron en diversas ocasións que si habería estatuto de consumidores electrointensivos e ao final nada de nada; tamén dixeron que a SEPI interviría no proceso de venda e ao final parece que nada de nada; ata aquí blanco e en botella; esperemos que o Goberno do Estado rectifique e cumpra coa súa palabra”, dixo Alfonso Villares.
“Esta é unha mostra máis do nulo compromiso do Goberno de Sánchez coa provincia de Lugo, pero nós desde o Senado seguiremos insistindo para que a situación de Alcoa en San Cibrao se resolva xa que é clave para o presente e futuro da Mariña e da provincia de Lugo”, sinalou o senador popular, José Manuel Barreiro.