Castiñeira sinala: “Estamos a comezos de verán e vemos como moitas festas e verbenas se están aprazando; moitas pemes e autónomos vinculados ao sector, que levan practicamente un ano sen apenas ingresos, verán aprazados novamente estes eventos e a posibilidade de conseguir ingresos”. Engade: “A Deputación de Lugo aforra subvencións nestes eventos que non se levan a cabo, pero non reverte eses cartos que se aforran nos grupos e nos artistas lucenses, que eran os más beneficiados”. Destaca que “a Xunta de Galicia é a única Administración que está implicada realmente en tirar do carro deste sector e proba dilo é o plan piloto que se vai desenvolver este fin de semana, o levantamento de moitas restricións e as importantes axudas directas, axudas directas que a Deputación de Lugo non quixo establecer”.
Os populares destacan que a verbena é moi importante dentro do rural lucense, está moi vinculada á Galicia rural. Por ese motivo, como lembra Javier Castiñeira, “na Deputación de Lugo solicitamos no seu día por unanimidade a súa declaración como patrimonio cultural inmaterial de Galicia”.
Castiñeira manifesta: “Pedimos que, con urxencia, a Deputación tome medidas e se reúna cos representantes do sector, para trazar unha liña de colaboración e evitar a desaparición de moitos grupos e orquestras da provincia”. Sinala que “fronte á petición dos representantes das orquestras para que se incluíran nos circuítos culturais, como fixo a Deputación de A Coruña, a de Lugo negouse; era unha liña que podía axudar a paliar a situación que sufre o sector”. O portavoz popular di que o representante das orquestras, Manuel Fariña, díxolle que teme que este ano sexa moi complexo para as orquestras e os grupos e pide a maior implicación de todas as administracións para rescatar ao sector.