Lugo, 24 de xuño de 2021. O PSOE mantén un xogo moi escuro en todo o que ten que ver co futuro de Alcoa. O comité de empresa presentou as institucións locais, concellos e Deputación, unha iniciativa para que a SEPI interveña temporalmente a planta de Aluminio. Na Deputación, o PSOE non quere presentar esa iniciativa como de goberno e, por iso, a presenta o BNG como grupo político. Os populares esixen que, como se fixo noutros moitos casos, esta iniciativa do comité de Alcoa sexa presentada como iniciativa do goberno provincial. En todo caso, o PP anuncia que apoiará esta moción.
O portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, sinala: “Dende o grupo provincial do PP esiximos ao goberno da Deputación que presente a iniciativa que lle propuxo o comité de empresa de Alcoa, do mesmo xeito que o fixeron os diferentes concellos na Mariña; que o faga como proposta de goberno ou proposta de presidencia, pero sen ser de ningún partido político en concreto”.
Os populares pregúntanse “que é o que ten que ocultar o PSOE de Lugo para non querer levar a moción como proposta de goberno na Deputación, cando noutros casos similares si se fixo, poñendo voz a outros diferentes colectivos que así o pediron”.
Castiñeira di: “Cremos que se trata simplemente de desvirtuar a proposta e que queren protexer ao PSOE dende as institucións; tratan de evitar que as reivindicacións do comité, ante a negativa do Goberno de intervir a planta de Aluminio, leven o selo da Deputación de Lugo”. E iso a pesar de que “en todos os concellos nos que se presentou, gobernados polo PP e tamén polo propio BNG, presentouse como proposta de goberno e ningún partido quixo capitalizar a iniciativa que vén do comité, como está pasando agora na Deputación; ao non presentar esta proposta como goberno, o BNG decidiu presentala como proposta de partido, o cal non ten o mesmo significado”.
Castiñeira anuncia: “O PP vai votar a favor, veña a proposta do goberno ou veña do BNG, o que si queremos é que o Goberno cumpra o prometido e actúe intervindo coa SEPI provisionalmente a planta de Aluminio. Lamentamos o esquinazo que o presidente e o goberno da Deputación dan ao comité, non facéndoo como goberno, como institución, ás reivindicacións de miles de veciños da Mariña que viven do aluminio, obrigando ao BNG a levala como moción de partido, co cal, evidentemente non ten o mesmo significado”.