Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro urxe á alcaldesa a xestionar canto antes a firma do convenio con Portos para conseguir a cesión do peirao vello e acondicionar debidamente o aparcadoiro

Viveiro, 22 de xuño de 2021. O peirao vello de Viveiro presta un servizo fundamental á cidade como aparcadoiro. En función da moción presentada polo PP en decembro de 2019 e aprobada polo pleno da corporación municipal, coas abstencións dos concelleiros socialistas e nacionalistas, o Concello solicitou a Portos de Galicia a cesión dese terreo. O pasado 21 de abril Portos respondeu deixando clara a súa vontade de establecer un convenio polo que o Concello regule e se faga responsable da superficie mentres se tramita a posible reversión dos terreos a Costas que, á súa vez, os trasladará ao Concello. A día de hoxe, segundo indica o portavoz popular, Óscar Rodríguez, o convenio segue no caixón da alcaldesa, mentres os usuarios do aparcadoiro están cada vez máis fartos das deficiencias que presenta este espazo. Rodríguez anuncia que o PP levará de novo este asunto ao pleno, na próxima sesión, e urxe á alcaldesa a tramitar canto antes a firma do acordo.

O portavoz popular lembra que “o 4 de decembro de 2019, o grupo municipal do PP de Viveiro presentou no pleno unha moción para que o Concello solicitase a Portos a cesión do peirao vello de Viveiro”. Destaca que os populares xa falaran con Portos, “que estaba en disposición de ceder o peirao vello gratuitamente”; o Concello faríase cargo do mantemento, vixilancia e da urbanización.

Rodríguez sinala: “Esta moción saíu adiante coa abstención do PSOE e do BNG. Con data do pasado 21 de abril, Portos enviou un borrador de convenio para ultimar a cesión, que sería totalmente gratuíta. Hai que destacar que Portos de Galicia é un ente público empresarial adscrito á Consellería de Mar, e procura por medio dun convenio que sexa o Concello o que se encargue do mantemento do espazo, dado que outra alternativa sería promover a xestión privada da superficie”.

A preocupación dos populares vai en aumento porque, como indica Óscar Rodríguez, “estamos rematando xuño e o convenio sigue no caixón da alcaldesa e sen firmar”. Por iso anuncia que o grupo municipal do PP vai “reclamar de novo, no próximo pleno, que se firme ese convenio para que ese espazo de uso público que é o peirao vello de Viveiro poida estar nas condicións axeitadas”.

Exit mobile version