Viveiro, 22 de xuño de 2021. Mellorar as infraestruturas con frecuencia esixe a participación de distintas administracións, polo que a súa xestión require vontade de traballo e eficiencia por parte de todas elas e de maneira moi especial por aquela que ten as competencias na materia. En materia de saneamento, as competencias son puramente municipais, polo tanto corresponde ao Concello o peso fundamental na xestión. No caso do saneamento de Viveiro, e concretamente no que se refire a Celeiro, o goberno local encabezado pola socialista María Loureiro demostra, segundo o portavoz municipal do PP, Óscar Rodríguez, “que se desentende das súas competencias e responsabilidades”, e, con cinismo inadmisible, “fai seu o traballo que están desenvolvendo outros, neste caso a Xunta”. Rodríguez refírese ao comunicado difundido polo Concello, en relación coas xestións levadas a cabo para o saneamento, despois da visita á cidade da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.
Rodríguez di: “O PP advirte de que a inacción e pasotismo da alcaldesa pon en risco o financiamento do saneamento de Celeiro”. Engade que, como noutros moitos asuntos, a alcaldesa é incapaz de atender debidamente o que son os seus deberes para conseguir á necesaria mellora da rede de saneamento.
O portavoz popular cualifica de lamentable que Loureiro “se desentenda das súas competencias sobre a depuradora, sobre o saneamento de Celeiro e o novo emisario e mesmo sobre a retirada do vello”.
Os populares de Viveiro din que a presidenta da corporación municipal, “en materia de saneamento, a pesar de tratarse de responsabilidades municipais, descarga en Augas de Galicia non só a responsabilidade de execución das obras e o seu financiamento, senón tamén da súa complexa tramitación ante Costas do Estado”.
Óscar Rodríguez asegura que “a alcaldesa non fixo ningún trámite ante Costas para facilitar a autorización das obras de Celeiro, que Augas de Galicia leva demandando desde 2016”