Ribadeo, a 29 de xuño de 2021. A popular Montse Seijo, coordinadora do rural, denuncia que “o goberno local do BNG deixa de lado ao rural ribadense unha vez máis. O abandono é evidente en moitos temas”.
Seijo subliña, neste caso, o estado dos contedores do lixo das parroquias que “en moitos casos non contan cunha base para a súa colocación e algúns están, incluso, entre as silvas e a maleza. Así mesmo, a popular sinala a falta de contedores de varios tipos nas parroquias de Ribadeo; xa sexan “os de papel e cartón, vidro ou aceites”.
A popular engade a estas deficiencias “a falta de limpeza e desinfección”. Nese sentido, destaca que “moitas veces son os propios veciños os que limpan e baldean eles mesmos os contedores, sobre todo os orgánicos”.
Seijo critica que “non se faga cargo o goberno local” e que é especialmente lamentable que “moitos deles se atopen a carón das paradas do bus escolar”.
O Grupo Municipal Popular pídelle ao goberno do BNG que “teña en conta os veciños do rural que tamén pagan impostos”.