Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz presenta once propostas para o orzamento municipal e solicita unha reunión da xunta de portavoces para preparalo

Foz, 8 de xuño de 2021. Que o orzamento anual dunha institución no estea operativo nos primeiros días do exercicio económico é unha anomalía que cabe atribuír a unha xestión deficiente por parte dos responsables desa institución. En Foz, avanzado xa o mes de xuño, aínda está sen aprobar o orzamento anual, con todos os déficits que iso representa para a mellor atención aos veciños. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Estamos a 8 de xuño e o equipo de goberno do Concello de Foz ten os orzamentos sen aprobar. Dado que ata agora, e a pesar do noso ofrecemento, o goberno municipal non convocou aos grupos da corporación para participar na elaboración do orzamentos, decidimos enviar por escrito propostas por se queren recoller algunha nas grandes contas do Concello, que o alcalde anunciou que presentará no mes en curso”. Castiñeira lembra que, chegado o momento de debater os orzamentos, “en anteriores mandatos o alcalde convocaba aos portavoces e aportaba un borrador da súa proposta de orzamentos e volvían reunirse para tratar de chegar a acordos”.

Castiñeira sinala: “A primeira das nosas propostas facémola tendo en conta que o goberno municipal anunciou que levará unha partida para comprar os terreos da nova depuradora en Forxán; pedimos que se inclúa unha partida de 50.000 euros, en investimentos, neste barrio, como compensación anual, aprobada no pleno do 3 de novembro do 2015, cando se decidiu a nova ubicación”.

O portavoz popular explica que “outra das propostas é fixar unha partida para contratar a elaboración do PEPRI, establecido no PXOM; é necesario porque está sen desenvolver e afecta a boa parte no núcleo urbano, especialmente á zona antiga”.

Os populares presentan varias suxestións para a mellora de vías urbanas. Propoñen unha partida para pavimentar con aglomerado en quente o acceso á praia Dos Fondás, que xa defenderon anteriormente nunha moción. Castiñeira engade que queren tamén unha partida para cubrir o parque infantil do CEIP de Nois, algo que se vén solicitando dende hai anos.

Castiñeira explica: “Entre as suxestións que presentamos figura a de aprobar unha partida para rematar a urbanización da rúa Ollo do Mar, unha urbanización na que están pendentes de rematar as beirarrúas e a pavimentación; igualmente, defendemos a consignación dunha partida para mellorar o pavimento das beirarrúas da avenida Concello de Sarria, que están en moi mal estado; outra para asfaltar a rúa Río Masma, que está moi deteriorada, con moita area, e poder urbanizar a rúa que a une con Alfredo Brañas, que está a medio facer”.

O PP considera que “sería importante fixar consignación para adquirir un local para as asociacións, de maneira que queden libres as dependencias dos xubilados no centro social. É moi necesario”.

Os populares tamén queren investimentos na mellora das vías locais. Castiñeira di: “Entendemos importante deseñar un plan de estradas municipais, cun reparto xusto e equitativo nas diferentes parroquias do concello; é algo que se podería parecer ao Plan Único da Deputación de Lugo”.

Para o PP é fundamental apoiar a creación de emprego e ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos. Nesta liña, Castiñeira manifesta: “Incluímos tamén dúas propostas que xa defendemos previamente en sesións plenarias. Por un lado, crear un plan de emprego municipal, dotado con 200.000 euros, e que teña en conta ás persoas en paro neste concello. Por último, propoñemos deseñar un plan de axudas a pemes e autónomos afectados pola crise da covid, que ata agora non fomos capaces de que fose aprobado”.

Javier Castiñeira sinala que se o goberno municipal “ten a ben convocar unha reunión da xunta de portavoces, estariamos dispostos a discutir todas as propostas e ver cales se poden priorizar; noutro caso, levarémolas como emendas nese pleno de orzamentos que esperemos que sexa neste mes, como anunciou o alcalde”.

Exit mobile version