Burela, a 26 de xuño de 2021. A presidenta provincial do PP, Elena Candia, acompañada polo voceiro municipal do Partido, Manuel Rouco, e pola concelleira popular Ana Álvarez reuniuse con parte da directiva da Comunidade de Montes Veciñais de Burela.
Os participantes na xuntanza abordaron a posibilidade de que a comunidade de montes de Burela puidera liderar un proxecto piloto na comarca para dinamizar a economía forestal e que serviría como referente para outras comunidades de montes.
A reunión tamén serviu para concretar nas vindeiras datas unha charla explicativa relativa á nova lei que afecta ás plantacións e aos terreos forestais. Neste senso, veuse con moi bos ollos a posibilidade de que a charla estivera aberta, non só aos membros da comunidade de montes, senón tamén a todos aqueles veciños que quixeran informarse sobre o tema e aclarar as dúbidas que puideran xurdir.
A asociación de cazadores recibiu a Candia e aos representantes municipais do PP
Tanto Candia coma Rouco e a concelleira Álvarez atenderon ás solicitudes expostas polos representantes dos cazadores do Coto Azor, o maior coto da Mariña e asentado en Burela, en relación á prevención de riscos en materia de danos causados polo xabaril que, este coto modelo e pioneiro, está a levar a cabo na nosa comarca.
Dende o colectivo de cazadores expuxeron algunhas melloras que podería contemplar a lexislación vixente para garantir esa diminución de danos causados pola fauna cinexética. E, nese sentido, a parlamentaria do PP comprometeuse en darlles traslado.
Escoitar necesidades para tratar de darlles solución
“Esta é a filosofía do PP: escoitar de primeira man as necesidades dos colectivos e tratar de darlles solución entre todos a esas inquedanzas que se nos trasladan”, asegurou Candia.
Pola súa parte o voceiro municipal, Manuel Rouco, indicou que “un representante político non pode traballar de costas á xente, tomando decisións unilaterais que o único que fan é agravar os problemas existentes ou causar uns novos. Por desgraza o goberno local do Sr. Llano non é capaz de entender isto e o único que fai coas súas decisións, ou nalgún caso coa ausencia delas, é afondar máis a brecha existente entre o noso Concello e o resto da comarca da Mariña”, conclúe Rouco.