Barreiros, 25 de xuño de 2021. O voceiro do Grupo Municipal do PP de Barreiros, José Manuel Gómez Puente, manifesta “o seu descontento” coas declaracións realizadas pola rexedora respecto de “sumar apoios” para dotar “á nosa vila do sistema de depuración de augas residuais que tanto precisa”. A este respecto, o popular lamenta que a nacionalista non lle trasladase á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a vontade económica e política do Concello para que esta infraestrutura “sexa por fin unha realidade”. “O desentendemento quedou claro dicindo só que San Miguel precisa a Edar. Isto xa o sabemos todos”, indica con certo enfado o popular.
Gómez Puente tilda así a actitude de Ermida de “despropósito”, xa que “todos os veciños saben que a Xunta de Galicia está decididamente a colaborar neste asunto”. “O que agardabamos, precisa, é ter a mesma sensibilidade por parte do goberno local que, a xulgar polos seus últimos comportamentos, non semella estar moi disposto”, insiste.
O PP lidera esta demanda
O Partido Popular liderou esta demanda hai meses, co fin de atallar “un problema que nos preocupa e ocupa a todos os veciños”. “Creo que é a nosa responsabilidade como grupo político chegar a onde o equipo de goberno non chega. Se á alcaldesa lle molesta, isto di moi pouco do seu talante político, pero o que non podemos permitir é que diga que fai xestións cando o único que hai detrás delas son un intento de quedar ben”.
A Xunta cumpre, Deputación e Concello tamén deberían
Por este motivo, e de forma taxante indica: “O que lle pedimos é que cumpra porque é o momento de facelo, sobre todo cando xa temos a man tendida da Xunta de Galicia”. E é que o Goberno galego xa fixo pública a súa disposición para asumir un terzo do custo das obras, non así o Concello e a Deputación; administracións que tamén deberían aportar un terzo cada unha. Ademais, puntualiza Gómez Puente, “tampouco sabemos nada das xestións co ministerio de Ecoloxía que se dixeron que se ían facer para acadar fondos para a Edar”.
“O que demandamos é colaboración institucional que, cando se goberna, sempre se debe traballar para acadala. Os personalismos son propios dos nacionalistas, iso xa o sabemos, pero agardabamos máis altura de miras”. Por este motivo, dende o PP, “e en aras de facer unha oposición construtiva e leal aos barreirenses”, instan á alcaldesa a “abandonar os intereses de partido e priorizar os dos veciños e de poboacións tan destacadas como é a parroquia de San Miguel de Reinante que, nestas datas, aumenta notablemente a poboación debido ao seu tirón turístico”.
“Isto foi o que fixo a Xunta, pois foi a administración autonómica a que tamén se lle ofreceu á entidade local a prestar apoio técnico para realizar un estudo de alternativas que lle permita determinar a actuación máis axeitada para a mellora do saneamento”, conclúe Gómez Puente.