Santiago, 18 de xuño de 2021. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se require ao Goberno central que acometa a mellora integral e urxente da estrada N-634, no treito entre o Alto de A Xesta en Abadín e Mondoñedo, que serve como itinerario alternativo á autovía do Cantábrico cando se producen peches de circulación polos intensos bancos de névoa.
A viceportavoz do Grupo Popular, Elena Candia, considerou “urxente” garantir a seguridade aos usuarios deste tramo da N-634, “xa que a falta de iluminación e o mal estado que hoxe presenta esta estrada constitúen un risco elevado, e moito máis coa chegada do verán, cando se produce un incremento moi significativo do tránsito por estas vías”.
SEN ILUMINACIÓN E CO FIRME MOI DETERIORADO
Elena Candia incidiu que “os accesos a esta estrada de titularidade estatal seguen sen iluminación e o firme está moi deteriorado, polo que resulta urxente acometer obras de mellora nesta vía, así como garantir un mantemento periódico e axeitado ao elevado número de vehículos que transitan pola mesma cada vez que se pecha a autovía”.
Neste sentido, lamentou “a incapacidade do Goberno central para ofrecer solucións aos reiterados peches da autovía do Cantábrico como consecuencia dos intensos bancos de névoa ou o vento, que obrigan a empregar como itinerario alternativo a estrada N-634 no treito que discorre entre os municipios de Mondoñedo e Abadín.
“O arranxo desta estrada ten que ser unha realidade, máis pronto que tarde, porque estas obras xa están comprometidas desde o ano 2017 e o Goberno socialista leva poñendo escusas desde esa data para non facer esta actuación tan necesaria”, sinalou Elena Candia.