O PSdeG demanda ademais “unha liña de axudas destinada ós propietarios privados de patrimonio moble e inmoble BIC, accións de inspección que garantan que os particulares propietarios de BIC que cumpran as obrigas que lles marca a normativa, así como o compromiso de exercer o dereito de tanteo e retracto para recuperar bens catalogados”.
Nesa liña, “reclaman estratexias globais de conservación por tipoloxías ou épocas históricas, que evite o paradoxo actual no que exemplos de similar valor histórico gozan de diferente catalogación ou figuras de protección”.
Os socialistas critican “o estado de abandono e desatención do patrimonio cultural de Lugo. O estado de ruína de fortalezas medievais como a Torre de Caldaloba, en Cospeito, é motivo de denuncia e preocupación polos veciños, e xa chegou no mes de marzo a este Pleno. Hai apenas semanas, Lugo tivo a dubidosa honra de aparecer como o lugar onde un mosteiro do século XV – o de Santa María de Penamaior en Becerreá – se pode mercar polo prezo dun piso. E pasar de man en man sen que a Xunta exerza o dereito de tanteo e retracto contemplado no artigo 49 da Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galicia”.
0’01% dos orzamentos da Xunta para 130 BIC na provincia
O PSdeG denuncia a “falta de compromiso da Xunta de Galicia coa conservación do patrimonio cultural, que queda de manifesto nos seus propios orzamentos. A consellería de Educación e Cultura adicou só tres liñas ós seus plans para protección e conservación do patrimonio cultural. Unha provincia como Lugo, con varios bens catalogados como Patrimonio da Humanidade e máis de 130 BIC, percibe nos orzamentos deste ano apenas 1,2 millóns de euros. O equivalente ó 0’01% dos orzamentos da Xunta”.
Consideramos prioritaria a conservación do noso patrimonio cultural
Por todo isto “consideramos prioritaria a conservación e posta en valor do noso patrimonio cultural, como parte dos nosos sinais de identidade, pero tamén como unha aposta de futuro. O patrimonio é cultura e herdanza que temos que preservar cara o futuro. Ben xestionado é tamén unha fonte de riqueza que xera turismo de calidade e pode converterse nunha útil ferramenta para axudar a fixar poboación no rural”, sinalan.