Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2021. O voceiro de Pesca do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de criticar o bloqueo da Xunta e do PP aos plans de explotación marisqueira “por non presentar un papel”. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Pesca do Parlamento, cando o PP votou en contra dun texto conxunto de PSdeG e BNG para instar á Xunta a “facer público” o expediente completo sobre o Plan Xeral de Explotación Marisqueira (PXEM) 2021-2023.
Ante esta situación, Torrado censurou a “busca de confrontación constante” por parte do goberno galego cando, “con tal de manter un enfrontamento co goberno central, poñen en perigo os plans de explotación marisqueira deste ano”. Así, lamentou que a Xunta “crease un problema legal” por non realizar un trámite, o que supón que “están dispostos a causar un prexuízo a cidadanía só por confrontar”.
“Non enfanguen problemas á cidadanía por querer facer unha guerra”, clamou Torrado ante os deputados do Partido Popular.
Con todo isto, o responsable socialista instou á Xunta a “facer público” o expediente completo sobre o PXEM e abrir o diálogo entre administracións coa finalidade de resolver os posibles conflitos de competencias na materia, partindo da retirada “inmediata” do recurso interposto contra a orde pola que se aproba o citado plan.
Ademais, o socialista pediu ao goberno galego que active a Comisión de Transferencias co obxecto de iniciar o procedemento para o traspaso de competencias pendentes a Galicia, nomeadamente e tal e como se acordou polo Pleno do Parlamento do mes de marzo, a xestión do dominio público marítimo-terrestre e a ordenación do sector pesqueiro e de investigación oceanográfica.
Finalmente, o voceiro socialista lembrou que a ordenación dos recursos marisqueiros “é un labor fundamental” para o desenvolvemento da actividade e da que depende un sector “moi relevante” e “unha gran cantidade de persoas”. Así, a responsable desta ordenación, así como dos trámites administrativos que correspondan para desenvolvelo “recae” na Xunta de Galicia, concluíu.