Santiago de Compostela, 08 de xuño de 2021. O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe á Xunta de utilizar ao sector marisqueiro como “refén” para “facerlle a guerra” ao goberno central. Así o dixo na comparecencia da conselleira do Mar no Parlamento, onde confirmou que a Xunta renuncia a presentar o expediente que permitiría desbloquear o Plan Xeral de Ordenación Marisqueira para os próximos 3 anos.
O parlamentario socialista lembrou que mesmo a semana pasada o PP rexeitou unha proposición non de Lei presentada polos socialistas e o BNG pedindo a transferencia da competencia sobre o dominio público marítimo – terrestre para Galicia, pedindo o expediente do Plan Xeral e pedíndolle ao Estado que retirara o recurso contra este Plan.
Explicou que coa transferencia “resolveríamos o problema ad futurum”, e presentando o expediente resolverían o problema actual, pero PP e Xunta se teñen negado reiteradamente, e levan 12 anos sen reclamar nin unha soa transferencia para Galicia. Sinalou que “non vamos ser partícipes dunha feira” e esixiulle ao PP e á conselleira do Mar que expliquen “por que votaron en contra”, e apuntou que “igual lles gusta que o goberno presentara o recurso porque están na guerra”.
O responsable socialista explicou que tanto a Lei de Costas –art. 112.d- coma a Lei de Pesca de Galicia –art. 30.1- obrigan á Xunta a presentar o dito expediente ante o Estado, xa que é quen ten as competencias sobre o dominio público marítimo – terrestre, precisamente onde se desenvolve a actividade marisqueira.
Torrado denunciou que a Xunta leve 6 meses negándose a presentar o informe que lle reclamou o goberno de España ata en dúas ocasións, provocando unha situación delicada para as familias de mariscadores pendentes do Plan de Ordenación Marisqueira. Sinalou que “se estas familias saben que o seu problema se resolve presentando o informe igual non lles parece ben que a Consellería non faga o seu traballo”.
Julio Torrado denunciou a estratexia de conflito permanente adoptada polo goberno galego, e lembrou o exemplo da Lei de Cambio Climático que hoxe lembrou o propio PP. Naquel caso, dixo, logo de anunciar un recurso diante do constitucional en contra da Lei, cando chegou o momento se abstiveron, e sen embargo votaron en contra da modificación do artigo que blindaba as explotacións en dominio público marítimo – terrestre que eles mesmos pedían.