Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Mondoñedo volve insistir no arranxo da N-634 e valora trasladar o asunto a outras instancias

Mondoñedo, 7 de xuño de 2021. O goberno local de Mondoñedo volve esixir ao Ministerio de Transportes a execución do proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada nacional N-634 ao seu paso polo termo municipal mindoniense. Incluso valora trasladar esta petición a outras instancias.

O proxecto de mellora que incluía a substitución da capa de rodadura, a mellora da sinalización, balizamento, defensas e interseccións, ademais do peche de tramos para evitar a entrada da animais á calzada, fora aprobado no ano 2017. Dende entón, o goberno local dirixiuse en varias ocasións ao Ministerio, á Subdelegación do Goberno en Lugo e a corporación municipal tamén ten aprobado mocións reclamando a mellora desta vía.

O goberno reivindica, unha vez máis, o arranxo urxente desta estrada que presenta un firme en mal estado, co asfalto desgastado, e con iluminación e sinalización horizontal deficiente que dificultan a circulación de vehículos en condicións de seguridade nos días de néboa que son, precisamente, os casos nos que a N-634 ten que absorber o tráfico desviado da autovía A-8. Nese caso, dende o Consistorio de Mondoñedo sinalan que “agora, co comezo da época estival, os desvíos do tráfico pola nacional son máis frecuentes debido á maior frecuencia na aparición de néboas no alto do Fiouco”.

O goberno mindoniense insiste na necesidade de arranxar esta vía de forma urxente debido ao seu mal estado e recordan que se trata dunha vella demanda dos veciños da zona e dos usuarios da estrada e mesmo da autovía que fan uso da mesma como desvío alternativo á A-8 no tramo que comunica a comarca da Mariña coa zona da Xesta cando as condicións meteorolóxicas son adversas para a circulación polo alto do Fiouco.

Exit mobile version