Site icon Crónica3.com A Mariña

O Día do Orgullo LGTBI chega con diversas actividades a Ribadeo

A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, contou que “a Concellería de Igualdade, con motivo da conmemoración o 28 de xuño do Día Internacional do Orgullo LGTBI, vai desenvolver unha serie de actos para evidenciar que Ribadeo é unha vila que acolle e que respecta a todas as persoas. Como ben di o lema que escollemos este ano, Por un Ribadeo de cores, no que cada quen será o que queira ser, sempre reivindicamos que o aspecto educativo e lúdico é unha das mellores maneiras de concienciar e de sensibilizar sobre aqueles temas como a igualdade, o respecto ás diferenzas sexuais, á identidade sexual e á diversidade e por iso organizamos unha serie de accións”.

A edil ribadense explicou que “van ser o vindeiro luns, 28 de xuño, se o tempo o permite no parque de San Francisco dende as once da mañá ata a unha e media da tarde. E as actividades van estar destinadas a nenos e nenas e rapaces e rapazas entre 3 e 13 anos. Se o tempo non o permitise trasladarémolas a Escola Municipal de Música e Danza. Van ser gratuítas, respectando os aforos e as medidas covid, como é pertinente. Vai haber unha ximkana a través do parque, buscando pistas, para facer a palabra LGTBIQ+. Imos facer tamén un mural creativo co lema Todos sumamos, integramos a todos os colectivos visibilizándonos. Imos traballar tamén marionetas divertidas, onde cada persoa, nun ambiente totalmente lúdico, pode expresar con liberdade todo o que sinte, como se sinte e traballar conceptos sobre a diversidade, pero dunha maneira distendida. Tamén faremos pulseiras creativas onde poñamos en marcha a nosa imaxinación e a través das cores da bandeira LGTBI poidan facer a súa pulseira e levala para casa”.

Mariluz Álvarez seguiu a relatar que “se rematarán as actividades cun flashmob, que á unha coreografía grupal onde o que se trata é que, a través dunha música, as persoas se vaian unindo en torno á loita pola diversidade para ir sumándonos con todos e todas bailando ao son da igualdade e da diversidade, cara ao respecto, e despois poderase gravar un vídeo que poderemos colgar nas nosas redes para gardar este momento moi especial. Todas estas actividades están deseñadas por unha compañía especializada, por monitores especializados que forman parte da compañía AmorOdio Teatro. Son totalmente de balde e simplemente por achegarse o luns 28 ao parque de San Francisco poderán desfrutar de todas e cada unha delas”.

A concelleira de Igualdade engadiu que “non nos esquecemos da xente máis moza e da xente tamén máis adulta, polo tanto o día rematará cunha sesión de cine, ás oito da tarde, con entrada de balde no Teatro, onde se proxectará o film La (des)educación de Cameron Post. Calquera persoa que o desexe a partir dos 12 anos poderá asistir. Tamén temos que dicir que para toda a nosa vila, como ven sendo habitual ao longo dos últimos anos, a Casa do Concello, a casa de todos e de todas nós, a partir de hoxe loce no seu balcón unha bandeira LGTBI porque dende o Concello de Ribadeo imos seguir reivindicando e traballando para garantir a diversidade, a liberdade e a expresión de todas aquelas persoas no que atinxe a súa orientación, a súa identidade e a súa sexualidade. Así que convidamos a todos os rapaces e rapazas a partir de tres anos en adiante a que se pasen a mañá do luns, 28 de xuño, polo parque de San Francisco para desfrutar, compartir con nós e reivindicar ese Ribadeo de core, onde cada quen sexa o que queira ser”.

Exit mobile version